Un boi bateu marca absoluta na Central: 10.469 euros

Javier Benito
j. benito LALÍN / LA VOZ

MASIDE

Cedida

Frigoríficos Bandeira comprou o animal criado en Maside

02 mares 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

A Central Agropecuaria de Galicia retoma a senda das marcas da que non se apeou durante todo o pasado ano. Nesta ocasión ademais rompendo unha barreira case psicolóxica, a dos 10.000 euros por un exemplar. Na poxa deste pasado martes abonáronse 10.469 euros por un boi de raza mestiza, o prezo máis alto na historia da lonxa de Silleda na sección de vacún maior. A res creceu nunha explotación do municipio ourensán de Maside e ten case cinco anos, xa que naceu en abril do 2017. A firma Frigoríficos Bandeira adquiriu este boi que agora sacrificará nas súas instalacións para a súa posterior comercialización.

Durante a sesión tamén se batía outra marca histórica, neste caso do prezo medio da categoría de vacún maior, en boa medida pola compra dese espectacular exemplar de boi. Se o pasado día 8 de febreiro fora de 1.500 euros, este martes incrementouse ata os 1.604. A cada vez maior calidade dos exemplares que chegan a poxa en Silleda está detrás dese constante incremento dos prezos abonados, que xa se detectou o pasado ano.

Na Central Agropecuaria deste martes adxudicáronse 465 dos 484 becerros de recría a poxa, cun prezo medio de 213 euros e unha facturación conxunta de 99.212. Mentres, colocáronse 308 exemplares dos 326 de vacún maior, por unha contía media xa citada de 1.604 euros, sumándose no conxunto das vendas desta sección unha cantidade de 494.168. Para rematar, os 89 de 99 exemplares de tenreiros carniceiros que chegaron á lonxa abonáronse a unha media de 849 euros, cun montante global de 75.635.

Alza do porcino cebado e lechones

Respecto das mesas semanais de prezos, houbo lixeiro repunte do porco cebado en todas as súas categorías e en 2 euros por unidade dos lechones, mentres tamén cotizaron á alza os ovos e as galiñas de desvieje, repetindo o coello en Madrid.