Dous clubs ciclistas concéntranse de novo na Estación de Manzaneda

La Voz OURENSE / LA VOZ

MANZANEDA

Club ciclista Supermercados Froiz
Club ciclista Supermercados Froiz Cedida

Debido á altitude os ciclistas exercítanse con niveis de osíxeno máis baixos, que se nota nos resultados tras días de adestramentos

30 ago 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

A Estación de Montaña de Manzaneda volve ser lugar de adestramento para todos os amantes do ciclismo, especialmente para aqueles que se adestran de cara competicións como a Volta a Galicia que se celebrará do 14 ao 17 de setembro. Estas instalacións son idóneas para a preparación deste tipo de encontros, xa que melloran ata nun 20 % o rendemento dos deportistas.

Debido á altitude á que está situada a Estación de Montaña de Manzaneda, os ciclistas adestran con menores niveis de osíxeno. Este establecemento está a ser lugar de formación durante estes días para o Supermercados Froiz e o Club Ciclista Padronés Cortizo, que empezou a concentración o pasado 20 de agosto e continuará ata o 7 de setembro. Evaristo Portela, do Club Ciclista Supermercados Froiz, asegura que as prestacións que ofrece a Estación de Montaña para os deportistas son incribles.

O día 3 de setembro agárdase recuperar, na Estación de Montaña, a actividade deportiva de alto nivel coa Marcha ciclista Federación. As categorías participantes serán a Sub23 Feminina, Sub23, Master 60 Feminina, Master 60, Master 50 Feminina, Master 50, Master 40 Feminina, Master 40, Master 30 Feminina, Master 30, Júnior Feminina, Júnior, Elite UCI, Elite Feminina, Elite, Cicloturismo e adaptado.