Convocan unha concentración en Maceda para esixir o fin das obras do centro

La Voz OURENSE / LA VOZ

MACEDA

Reunión de vecinos y comerciantes de Maceda
Reunión de veciños e comerciantes de Maceda Cedida

Os comerciantes sinalan que o descontento pola lentitude dos traballos é xeneralizado

01 mar 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Membros da Asociación de comerciantes e empresarios de Maceda e varios veciños mantiveron unha reunión con representantes do Concello para coñecer de primeira man a evolución das obras que comezaron hai un ano no centro da vila. «A situación non é a ideal e semella que o interese por rematar as obras da Xunta non é o mesmo que temos tanto comerciantes como veciños. O descontento é xeneralizado e as perdas económicas están a afogar a moitos dos nosos asociados», explica o presidente da asociación, Roberto Freire.

Unha das primeiras medidas que tomaron foi a creación dunha plataforma, da que xa forman parte 30 persoas, para que o problema se faga visible e convocar unha manifestación o día 6 de marzo ás cinco da tarde na rúa en obras. «O descontento a día de hoxe entre os comerciantes é máximo e pensamos que o mesmo acontece entre os veciños», sinala Freire.