As Xornadas Arraianas de Entrimo recoñecen a quen poñen en valor a memoria

La Voz OURENSE

ENTRIMO

Cedida

Xosé Manuel Núñez Seixas foi galardoado co Arraiano Maior

07 ago 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

As celebración das Xornadas Arraianas regresaron esta fin de semana a Entrimo cun claro obxectivo. «Están centradas no tema da memoria, queremos pór en valor a toda esa xente que traballa para manter viva a historia e as tradicións dos lugares», explica Aser Álvarez, un dos promotores da cita que organiza co Colectivo Arraianos, coa colaboración do Concello de Entrimo. O Arraiano Maior desta edición, o número trece na sucesión, é desde este sábado Xosé Manuel Núñez Seixas. «É un recoñecemento moi especial e unha grande honra. As fronteiras, as raias, foron sempre un grande elemento nos meus estudos. Ademais para min, esta homenaxe significa recuperar unha parte da miña memoria familiar, xa que a miña avoa materna era de Souteliño da Raia, que está doutro lago de Oímbra, en Chaves», afirmou o historiador, nada máis recoller o seu galardón.

A edición tamén recoñeceu aos comités de memoria histórica do Val do Limia de Celanova. «Están facendo un traballo extraordinario de recuperación da memoria oral e queriamos recoñecerllo», di Álvarez. O colectivo tivo unha mención especial a Pepe Velo , ao recoñecelo como Arraiano Universal. Ese foi un dos momentos máis emotivos do día.

Este domingo continúan as actividades. Ás 11.00 horas arrinca un curso de cestería tradicional para adultos, impartido por Chus Labrador. Ás 12.30 horas será a inauguración da exposición Gallaecia, que precisamente é unha mostra deste tipo de artesanía tradicional. Ás 22.00 horas tocará unha proxección sorpresa na alameda.