O bar de Celanova que encandeou a Isabel Coixet

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

CELANOVA

Iván Gómez posa con la fotografía junto a Isabel Coixet
Iván Gómez posa coa fotografía xunto a Isabel Coixet ALEJANDRO CAMBA

A cineasta gozou da tortilla e as croquetas que fai Iván Gómez no seu restaurante A Adega do Iván durante a rodaxe de «Elisa e Marcela»

05 ene 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Se hai unha rúa en Celanova para gozar de tapeo, de petiscos e viños con amigos e familia, esa é a San Roque. Alí precisamente é onde decidiu establecerse pola súa conta o hostaleiro Iván Gómez. O 3 de xaneiro do 2018, fai cinco anos, abría por primeira vez a porta da Adega do Iván. «Buscaba un local no que primase un ambiente rústico, cunha luz cálida, unha decoración en madeira... para especializarnos en viños e tapas. Simple pero perfecto», explica. Ten máis de vinte referencias das distintas denominacións galegas, aínda que non faltan etiquetas de Ribeira do Douro ou A Rioxa. «Apostamos polo noso pero temos viños para todos os padais», di. En canto á comida, igual. Iván vai cada día ao mercado e cociña segundo o produto fresco. Na súa carta non faltan os clásicos: tortilla, orella, raxo, croquetas de distintas variedades ou puntitas de chipirón fritas. «Temos mexillóns tigre, minipeitugas de polo Villaroy —con bechamel e empanadas— e tapiñas polo estilo. Buscamos que a xente veña desfrutar dunha consumición cun pincho e siga de ruta polos bares da rúa», afirma o cociñeiro.

Iván naceu en Celanova no 76 e despois de traballar de moitas cousas, desde como comercial a vixiante de seguridade, rematou por formarse no mundo dos fogóns. «Un amigo apuntoume ao casting do programa Desafío nos fogóns de TVG onde cheguei á final. Aí empecei a experiencia na hostalería, pouco a pouco, ata que no 2018 embarqueime coa miña muller na aventura de montar o noso negocio», conta. Admite que ata o momento e a pesar da pandemia non poder queixar. As súas croquetas e tortillas foron encomiadas ata pola mesmísima Isabel Coixet. «Foi clienta fixa cando rodou aquí a película Elisa e Marcela e ata escribiu un artigo sobre o noso bar», presume encantado Iván.