Un comerciante que vestiu a distintas xeracións en Celanova

La Voz OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

Santi M. Amil

Faleceu Pepe Núñez Enríquez, coñecido como «Soltos», que rexentou un popular comercio téxtil na vila e fundou unha saga de empresarios locais do sector

17 ene 2020 . Actualizado ás 08:29 h.

Faleceu en Celanova Pepe Núñez Enríquez (1932-2020), comerciante da vila que vestiu a xeracións de homes, mulleres e nenos no seu negocio, Almacéns Núñez Enríquez, situado na esquina do espolón da praza Maior. Coñecido polo alcume de Soltos , Pepe Núñez Enríquez foi un empresario que tivo a experiencia da emigración, en Venezuela e no Brasil. Desde o seu regreso converteuse, aos poucos, nun referente do comercio téxtil. Comezou con teas ao corte e despois vendeu roupa confeccionada. Traballador constante e metódico, a súa tenda de téxtil e zapatos foi durante décadas, e ségueo sendo pois continúa aberta, un establecemento que visitaron non só clientes de Celanova senón dos municipios veciños. Home familiar, os seus catro fillos continuaron, e seguen, no sector téxtil, ben con comercios propios, ben na matriz. Grazas ao seu traballo e a súa visión para investir fixo unha relativa fortuna da que non alardeou. Aínda que nos seus últimos anos a enfermidade golpeouno seguiu indo ao comercio mentres puido. Misar funeral será hoxe ás 16.00 horas na igrexa de Celanova e o enterro, no cemiterio de Vilanova dos Infantes.