E as luces para cando?

La Voz OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

Santi M. Amil

A maioría de concellos agardarán á ponte da Constitución para acender a iluminación do Nadal, aínda que en Ourense e Xinzo apostan por adiantalo ao 30

16 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Primeiro foron os anuncios de que xa había Lotería á venda. Despois chegou o desembarco de turróns no supermercado. E agora empezan a colocar a iluminación festiva. O Nadal está cada vez máis próxima e así o indican os sinais externos por máis que o bo tempo destes días invite a pensar máis no outono que no inverno. Aínda que aínda nos queda Black Friday polo medio, ese venres anterior ao Día de Acción de Grazas americano que xa está mais que importado (e parece que chega para quedar), a aparición dos operarios colocando a iluminación fixo xurdir a pregunta: «E as luces para cando?».

Os máis madrugadores nisto de colocalas foron en Xinzo de Limia e O Barco de Valdeorras, onde os arcos lumínicos pódense ver desde esta mesma semana. Instaladas si, pero non acesas. Xinzo, que investiu 20.000 euros en 115 arcos luminosos (80 colocados no centro urbano e 35 nos pobos), manterá o de seguir na cabeza, coa previsión de acendelas o 30 de novembro. É a mesma data que manexan na capital ourensá, onde o proceso de contratación atópase na súa recta final. Ao concurso tan só se presentou unha empresa, a mesma que instalou as luces os últimos anos. Segundo indicaron fontes municipais, só queda que a adxudicataria entregue toda a documentación para pechar a mesa de contratación e enviar a fiscalización, paso previo á instalación da iluminación.

De acordo co prego de condicións, a empresa terá que ter todo listo para o 30 de novembro. As luces estarán acendidas durante un total de 216 horas. O custo para as arcas municipais será de 96.000 euros, seis mil euros máis que no ano anterior.

En Celanova, a colocación da iluminación do Nadal comezará este fin semana e prevese que o luns xa estea disposta, para o seu acendido o sábado 1 de decembro. A data farase coincidir coa inauguración da pista de xeo que instala a asociación de comerciantes CHEA O orzamento que o Concello dedica á iluminación é de 7.200 euros.

Noutros concellos a mirada está posta na Ponte da Constitución. Así sucede no Barco de Valdeorras, onde as luces xa instaladas custan 9.500 euros, segundo os datos da edila de Cultura, Margarida Pizcueta. Mesma data en Verín. A praza do Concello e o edificio do consistorio serán os lugares nos que se centrará o esforzo de embelecemento da vila. As súas principais rúas serán engalanadas a finais deste mes. O custo da iluminación e da colocación dos ornamentos do Nadal roldará os 18.000 euros.

Flocos por pechar

Na capital do Ribeiro destinan unha partida de 5.100 euros á iluminación de Nadal. Un investimento que se complementa coas iniciativas que o Concello de Ribadavia acomete desde hai varios anos e que vai incorporando ao patrimonio municipal. A iluminación led do castelo dos Sarmiento ou a estrutura metálica que se instala na praza maior para crear unha gran árbore do Nadal de luz son elementos que se utilizan nestas festas e que son propiedade da administración local. Aínda que non existe unha data fixada, desde o Concello trabállase coa previsión de inaugurar a iluminación na ponte de decembro.

No caso do Carballiño estase á espera de resolver a licitación. O Concello destina unha partida de 15.000 euros á iluminación do Nadal e ten aberto o procedemento para presentar as ofertas. A data de inauguración do mesmo é un dos acordos a pechar coa empresa que finalmente se faga cargo do traballo.

En Allariz, o Concello ten hoxe a reunión para organizar a animación do Nadal, pero a previsión é que o aceso de luces e a colocación da decoración do Nadal, que recrea escenarios brancos con materiais reciclados, fágase tamén na ponte.

Información elaborada por Sindo Martínez, Maite Rodríguez, Xosé Manoel Rodríguez, Rubén Nóvoa e María Cobas

Os comerciantes barquenses colaboran na iluminación das rúas

Desde fai varios Nadal, a asociación de empresarios Aeva e o Concello do Barco lanzan un concurso para que os comerciantes se unan para decorar as rúas. E optan a premio. Ademais, no caso daqueles adornos que precisan luz, o Concello achega o traballo dos operarios municipais para a súa instalación e a súa conexión á rede eléctrica pública. É unha iniciativa que busca ampliar a ambientación do Nadal que dan os arcos de luz nas rúas máis comerciais. Esta mesma semana remataba o prazo para inscribirse, polo que en cuestión de días comezará a instalación dos elementos que faltan.

Pista de xeo en Celanova

A praza Maior de Celanova albergará desde o 1 de decembro ata o 9 d xaneiro unha pista de patinaxe sobre xeo. Trátase dunha instalación de xeo sintético de última xeración que non necesita alimentación eléctrica para manter o frío polo que é ecolóxica, informaron desde a asociación Celanova CHEA. En colaboración co Concello faranse invitacións a colexios para que poidan gozar desta pista e completar o desprazamento a Celanova cunha visita ao mosteiro. A inauguración da pista coincidirá co aceso de luces e coa celebración, a próxima fin de semana, do concurso de petiscos da hostalería celanovesa.

Ademais, os días 21, 22 e 23 de decembro, a asociación abrirá un comercio «pop up» ou temporal na planta superior da praza de abastos, no que haberá produtos do Nadal e actividades para nenos e maiores.