Vecinos e colectivos mobilízanse en Cartelle contra o proxecto eólico e fotovoltaico de Coto Novelle
CARTELLE

Convocan a primeira Marcha en Defensa do Coto Novelle o domingo 1 de xuño, unha camiñada de 10 quilómetros
21 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.A plataforma Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova convocou a I Marcha en Defensa do Coto Novelle, unha camiñada reivindicativa duns 10 quilómetros que se celebrará o vindeiro domingo 1 de xuño. A ruta, de carácter circular, partirá da aldea de Calvelos (Cartelle) e percorrerá unha zona de alto valor ambiental, cultural e paisaxístico que se vería ameazada polo proxecto híbrido —eólico e fotovoltaico— promovido pola empresa Aratel.
Os organizadores fan un chamamento á participación de veciños de Cartelle, Castrelo de Miño, a Terra de Celanova e O Ribeiro, así como a colectivos ecoloxistas e sociais, para denunciar o impacto que tería o macropolígono. «Queremos visibilizar o valor deste territorio, que está en risco por intereses empresariais que nada teñen que ver co desenvolvemento sostible da zona», sinalan desde a plataforma.
Desde finais de 2023, a mobilización veciñal reuniu máis de 1.800 firmas contra os dous proxectos: máis de 1.200 contra os aeroxeradores de 220 metros proxectados no Coto Novelle, e máis de 600 contra os 16.000 módulos fotovoltaicos planeados preto de Reigoso, Vos Pereiros e A Bouza. O 9 de febreiro celebrouse ademais unha concentración en Cartelle con apoio de organizacións políticas, sindicais e ecoloxistas de toda a provincia.