O PSOE repite candidatos en Barbadás e en Ribadavia e a edila de Cultura do BNG de Verín vaise a Viana

La Voz OURENSE / LA VOZ

BARBADÁS

Candidatura del PSOE de Barbadás
Candidatura do PSOE de Barbadás Santi M. Amil

«A ética, a transparencia, a honestidade e os valores do feminismo, do progresismo e da solidariedade son os piares centrais do traballo do goberno», dixo Xosé Carlos Valcárcel

25 mar 2023 . Actualizado á 05:00 h.

Xosé Carlos Valcárcel Doval repetirá como cabeza de lista do PSOE no concello de Barbadás. Nun acto celebrado no parque de Vos Carrís, o candidato afirmou: «A ética, a transparencia, a honestidade e os valores do feminismo, do progresismo e da solidariedade son os piares centrais do traballo do goberno. Presentamos unha lista chea de dinamismo e coa ilusión e a forza que aporta a mocidade e chea de novos proxectos pensados para mellorar a calidade de vida dos veciños de Barbadás».

Os socialistas de Barbadás márcanse como principais obxectivos mellorar as dotacións, recuperar o medio ambiente, potenciar a seguridade pública e avanzar na igualdade entre homes e mulleres.

O PSOE tamén presentou a Noelia Rodríguez Travieso como cabeza de lista da candidatura en Ribadavia, nun acto celebrado na igrexa da Madalena. Estivo arroupada polo secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, e polos exalcaldes socialistas, Marcos Blanco e Nacho Gómez. No acto realizouse unha homenaxe a José Prieto, o concelleiro socialista que durante máis lexislaturas formou parte da corporación municipal, superando as dúas décadas. Noelia Rodríguez destacou que se presenta con ilusión pero tamén con respecto e humildade. «Estes dous anos non son suficientes para que unha alcaldesa poda desenvolver o seu proxecto, polo que me presento coas ganas de traballar a prol da veciñanza como levo facendo dende que no ano 2011 comecei a traballar como concelleira», dixo

Pola súa banda, o BNG anunciou que Emilia Somoza, actual concelleira de Cultura, Educación e Festexos de Verín nas últimas lexislaturas presentarase como número dous dos nacionalistas de Viana, concello que lle viu nacer, apoiando o seu candidato Secundino Fernández. «Os ánimos da xente da pé e dos compañeiros do BNG de Viana, que depositaron a confianza en min, animáronme a aceptar con agrado a proposta», afirmou.