Barbadás apraza a aprobación definitiva dos prezos do transporte urbano

l. m. r. OURENSE / LA VOZ

BARBADÁS

Un fallo informático motivou a suspensión do pleno municipal, polo que a nova sesión quedou fixada para o 10 de xuño

02 jun 2020 . Actualizado ás 20:39 h.

Non puido ser. A sesión plenaria que, entre outros puntos, debía aprobar a firma o convenio coa Xunta de Galicia para o transporte metropolitano de Barbadás e de paso a aprobación da nova ordenanza de prezos, foi suspendida por un fallo na plataforma que debía facilitar o seu desenvolvemento por vía telemática.

O propio alcalde do municipio, o socialista Xosé Carlos Valcárcel, confirmou que a nova convocatoria queda fixada para o próximo 10 de xuño, tamén ás 19.00 horas, co mesmo orde do día.

Cabe lembrar que Barbadás xa tiña subvencionado con bonos o abaratamento das viaxes dos seus veciños, con importes que se verán reducidos co novo acordo. Así, a nova ordenanza prevé que o prezo actual de 0,90 euros equipárese ao de Ourense cun importe de 0,85 euros.

Ademais haberá outras bonificacións, como as de estudantes, que só pagarán 0,60 euros ou os pensionistas a 0,70. Tamén se creará un bono gratuíto para persoas en urxencia social. Será de aplicación doutra banda a Tarxeta Xove da Xunta e tampouco pagarán os menores de 21 anos.

Noutro punto da orde do día está incluída tamén a solicitude dun obradoiro de xardinería conxunto para os municipios de Barbadás, Toén, San Cibrao das Viñas e Taboadela.