O encoro das Conchas deixa á vista o campamento romano de Aquis Querquennis

La Voz OURENSE

BANDE

Brais Lorenzo | EFE

O xacemento pode verse de forma completa debido á baixada do caudal de auga

11 ago 2022 . Actualizado ás 21:37 h.

Aquis Querquennis é un dos complexos arqueolóxicos máis importantes de Galicia. Situado en Porto Quintela, no concello ourensán de Bande , figura entre os maiores campamentos militares romanos da Península Ibérica, pero parte dos restos permanecen afundidos durante boa parte do ano na auga do encoro das Conchas. A seca e a consecuente baixada de caudal do pantano provocaron que o xacemento completo quede á vista.

As escavacións realizadas nos últimos anos permiten identificar, ademais do campamento militar, a mansión Viaria, que era unha pousada para os viaxeiros que pasaban pola Vía Nova (ou Vía XVIII), que unía Braga e Astorga. Ademais de visitar o xacemento, a poucos metros atópase o Centro de Interpretación Aquae Querquennae-Vía Nova. Esas instalacións albergan tamén o Museo da Quarquernia, que aborda o pasado da comarca da Baixa Limia desde a prehistoria ata a Idade Media.

Ademais, desde o centro de interpretación organízanse visitas guiadas ao campamento, que agora pode verse en toda a súa plenitude debido á baixada de caudal do encoro das Conchas. Do mesmo xeito que ocorre noutros pantanos, como no Lindoso, a seca deixou á vista pobos alagados ou, como neste caso, xacementos arqueolóxicos.

Cabe destacar, por outra banda, que nas proximidades, en Porto Quintela, tamén se recuperaron unhas termas, abertas para o uso público.