Antonio Montero optará á reelección como alcalde de Avión

La Voz

AVIÓN

cedida

O rexedor municipal iniciou a súa traxectoria en 2005, tras o falecemento de Francisco Gil Zamora

16 feb 2019 . Actualizado ás 20:24 h.

O popular Antonio Montero encabezará de novo a lista do PP en avión nas municipais do próximo mes de maio. Montero leva de alcalde desde o ano 2005, tras acceder á presidencia da corporación local despois do falecemento do ata entón rexedor municipal, Francisco Gil Zamora. Montero concorreu como cabeza de cartel da lista do PP no ano 2007 e desde entón encadeou maiorías absolutas. Desde o partido o seu presidente provincial, José Manuel Baltar, considera que o candidato é «toda unha garantía para Avión e os seus habitantes polo apego á terra que sempre demostrou persoal e políticamente». Antonio Montero chegou á política local, algo que segundo recoñece nunca contemplara, tras implicarse na organización de actividades culturais e deportivas para os máis novos. No ano 2003 propuxéronlle ir na candidatura e aceptou. Recoñece Montero a particularidade do municipio, marcado pola emigración, e a necesidade de apostar polos servizos para dar resposta ás necesidades dos veciños.