Allariz reunirá catro veces ao ano da mesa contra a violencia machista

La Voz OURENSE / LA VOZ

ALLARIZ

TERESA CELA

A primeira convocatoria deste 2019 xa se celebrou o martes e nela contactáronse a novos axentes e membros para mellorar a coordinación

23 ene 2019 . Actualizado ás 08:20 h.

Allariz quere dar unha resposta «áxil, respectuosa e contundente» á violencia machista. É o que o Concello expuxo na primeira reunión da Mesa de Coordinación contra a Violencia de Xénero deste 2019. Este ano, o Concello ten pensado que se celebren catro reunións deste tipo. Para a primeira, celebrada onte no Fogar dous Maiores, contouse coa presenza de novos membros da Mesa, como os orientadores dos centros educativos, a educadora familiar, e contactouse con outros axentes como Cruz Vermella, Cáritas, o párroco ou a xuíza.

O obxectivo para este 2019, segundo informou o Concello de Allariz, é traballar de forma conxunta, ao longo das catro sesións previstas, na formación e na información como bases para a prevención deste mal. Apostar pola convivencia e o encontro e pola coordinación dos axentes implicados son os criterios de partida para avanzar.

O Concello de Allariz aprobou, no ano 2015, o seu protocolo municipal de actuación, como un itinerario marco de atención ás vítimas de malos tratos para evitar que as mulleres teñan que peregrinar polos distintos servizos, policiais, sanitarios ou sociais, contando cada vez o seu problema.

Ademais, Allariz ten unha das dez mesas de coordinación fronte á violencia de xénero que hai na provincia. Cada unha analiza como está a situación de cada zona, nestas reunións ás que acoden representantes dos organismos e colectivos que teñen coñecemento e relación coas afectadas. Desde o Goberno central considérase fundamental a colaboración municipal nesta materia.

O Concello allaricense, a través do seu servizo de Igualdade, tamén implantou modelos de prevención e de formación ás zonas máis rurais. Con mulleres das asociacións veciñais desenvolveron, por exemplo, o proxecto de Doulas Sororas.