Avelino García renova como presidente local do PP en A Rúa nun congreso ao que faltaron os actuais concelleiros
A RÚA

O responsable do partido márcase como obxectivo recuperar a alcaldía
06 jun 2025 . Actualizado a las 16:27 h.Avelino García Ferradal foi reelixido este mércores presidente do Partido Popular en A Rúa de Valdeorras. A súa foi a única candidatura que se presentou ao congreso local, o primeiro que se celebra desde o 2014. Naquel entón, García era alcalde e foi o único aspirante a suceder no cargo a María Jesús Magadán, que fora edila na localidade e tamén xerente da desaparecida área sanitaria de Valdeorras. Desta volta, o veterano político tampouco tivo contrincante. Non optou ao cargo o voceiro municipal, Álvaro Fernández, que nin sequera estivo presente no congreso. De feito, non acudiu ao acto celebrado na Casa da Cultura ningún dos cinco concelleiros que o PP ten na actualidade na Rúa e que conforman a oposición ao bipartido de BNG, PSOE e RUA que lidera María G. Albert. Quedou en evidencia, unha vez máis, a ruptura da agrupación local cos representantes elixidos nas urnas, liderados polo exalcalde (Fernández ostentou o bastón de mando entre o 2019 e o 2023 co apoio do RUA de Vicente Solarat, mais o goberno de coalición tornouse complicado desde a metade do mandato).
Trala proclamación García apuntou como principal meta lograr recuperar a alcaldía. «As eleccións as gañamos sempre, pero o obxectivo ten que ser gobernar por maioría», dixo. Avelino García presidiu xa a corporación municipal durante o mandato 2011-2015. En referencia a outras convocatorias electorais, como as autonómicas de 2024 —nas que o PP logrou unha ampla maioría—, García afirmou que nas municipais «entran en xogo outros factores», aínda que se mostrou convencido de que «o PP logrará a maioría absoluta dentro de dous anos». Asegurou que ve posibilidades reais de recuperar o goberno local: «Hai partido para regresar ao goberno municipal pola porta grande», e comprometeuse a «dalo todo desde a agrupación local». Ao congreso local asistiron o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor; a vicepresidenta, Marta Novoa; e a secretaria xeral, Sandra Quintas.
Menor puxo en valor os resultados obtidos nas autonómicas de 2024, nas que o PP superou en medio milleiro de votos ao BNG na Rúa, a segunda forza do municipio. «Unha ampla maioría que é necesario trasladar ás municipais», subliñou apelando á «unidade en maiúsculas» como clave para lograr o triunfo.