Médica xubilada en Venezuela, se reinventa en Manzaneda facendo todo tipo de pezas de gancho

OURENSE

Mary Olachea elabora moedeiros, bolsos, fundas para móbiles, vestidos, camisetas e ata amigurumis
31 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.Mary Olachea é neta de galegos. Exerceu a súa profesión como médica en Venezuela e, xa xubilada, fixo as maletas para cruzar o charco co seu fillo, a súa nora e o seu neto. «El sempre quixo virse á terra dos avós», relata. Así que ela, que ten 68 anos, acompañouno sen pensarllo.
Entre outras moitas cousas, Mary tróuxose na maleta unha afección que a acompaña desde que era unha nena: o gancho. E a el dedícalle as horas libres cando remata os labores do fogar. Encántalle deseñar as pezas desde cero e atrévese con calquera cousa, desde moedeiros ou bolsas ata bañadores ou vestidos. Dunha cor ou de moitos. Ademais, nos últimos tempos tamén se subiu á moda dos amigurumi, dar forma a figuras coas agullas de gancho. En croché creou unha versión mini do seu fillo.
Di que na súa propia familia atopou aos seus seguidores máis fieis, pero tamén está a ter moi boa acollida nas feiras ás que acode en Manzaneda ou os arredores. O domingo estivo na final do certame celtibérico de bandas de gaitas. «Agora está moi de moda porque no verán levan moito as pezas de gancho, como vestidos ou camisetas», sinala Olachea. Atrévese con todo, ata cos pantalóns. Tamén está presente en redes sociais. Pinterest e Instagram son os escaparates virtuais nos que mostra as súas creacións, aínda que a artista tamén recoñece que as ten un pouco abandonadas. «Teño que retomalas», di.