Confirman a condena a un repartidor de pizzas de Ourense que bicou a unha menor á que entregou un pedido

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Audiencia Provincial de Ourense
Audiencia Provincial de Ourense Álvaro Vaquero

Os maxistrados do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ratifican a sentenza de doce meses de prisión ao acusado

05 jun 2025 . Actualizado á 18:51 h.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ratificou a condena de doce meses de prisión a un repartidor de pizzas por bicar a unha nena de 13 anos sen o seu consentimento. O alto tribunal galego confirma así a resolución acordada pola Audiencia Provincial de Ourense contra o acusado, que recorreu ese fallo tratando de buscar a absolución. Non o logrou.

Nesta última resolución os maxistrados advirten que o investigado, «con coñecemento da súa idade e aproveitando que se atopaba soa», díxolle á nena que «era moi guapa», colléndoa pola cintura e dándolle dous bicos de forma sorpresiva para ela. A continuación, pediulle un terceiro bico e a menor negouse, pero o acusado volveu dar outros dous. Finalmente, a vítima conseguiu pechar a porta da vivenda e chamou por teléfono a súa nai para contarlle o que pasara.

A sala sostén que a valoración que fixo o tribunal ourensán no seu día foi «razoable e axustada ás regras da lóxica». Tamén considera que o testemuño da vítima e as declaracións feitas pola súa nai e pola propietaria do establecemento onde traballaba o investigado, que dixo que este lle recoñeceu os feitos no seu día, resultan «cribles e substancialmente coincidentes». Por todo iso, rexeita os argumentos da defensa e confirma a condena, que aínda pode ser revisada polo Tribunal Supremo.