Cantareiras e pandeireteiras no recreo e docentes e alumnos nas clases

OURENSE

Grupo de cantareiras e pandeireteiras do IES O Ribeiro
Grupo de cantareiras e pandeireteiras do IES O Ribeiro CEdida

Parte da comunidade educativa do instituto do Ribeiro pertence ó grupo Fuscalla 

17 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A música tradicional está moi presente no instituto do Ribeiro, en Ribadavia, da man do grupo Fuscalla, formado por profesores e alumnos do centro. A iniciativa naceu hai dous anos da man do departamento de dinamización lingüística do centro. Cristina Salgado, a profesora de música, púxose ó fronte. «O primeiro ano foi de proba e o segundo xa nos integramos máis membros. Con nós están algúns alumnos, e eles saben ata máis que nós da tradición. Unha das rapazas é neta dunha cantareira de Avión», di Rita Abraldes, mestra do centro.

Na actualidade Fuscalla está composto polos escolares Víctor, Laura, Aaron, Iker e Ricardo e polos mestres Cris, Rita, Lucia, Iago, María, Gabriel, Esther, Marcos, Nélida, Manola e Iván. «Cando fixemos o grupo tiñamos que pensar nun nome. Eliximos Fuscalla porque fai relación ó fuscallo, un fenómeno atmosférico que ten que ver coa néboa e a chuvia, parecido ós invernos de Ribadavia. E alteramos o xénero masculino ó feminino», explica a profesora. O grupo ensaia dous días á semana nos recreos e todos cantan e tocan. Os mestres porque fixeron un curso e os rapaces, moitos deles, porque aprenderon das súas familias.

«Empezamos con algún tema de canto local, Ribeirana de Lin?ares de Avión e do cancioneiro popular. Este ano incorporamos dous temas máis», relata. O grupo actúa sobre todo nas reunións do centro educativo, pero tamén participa das actividades que se desenvolven na comarca, como é o Serán de A Arnoia. «A maioría dos profesores empezamos de cero e maioría fixémolo porque era unha materia pendente, pero antes non se daban as circunstancias. Foi toda unha confluencia de cousas. E logo temos alumnos avantaxados, algúns van pola súa conta a clases de pandeireta e canto e este ano nótase», explica Rita. Os docentes son case sempre os mesmos pero nestes dous anos os alumnos foron cambiando: «Van e veñen, porque no instituto están de paso. Entendemos que son rapaces de entre 14 e 18 anos que xa teñen coñecementos e están en grupos da contorna. Prefiren socializar». No IES O Ribeiro aproveitan un retorno dos mozos ó galego, que saben que ten que ver coa música, para adaptar textos antigos ó idioma e seguir avanzando no uso da lingua.