
Falece Serafín Marqués Gil, deán honorario da catedral de Ourense
01 nov 2024 . Actualizado á 19:19 h.Serafín Marqués Gil era natural de San Salvador de Paizás e foi ordenado de sacerdote no ano 1953. Cursou estudos no Seminario de Ourense, na Pontificia Universidade de Salamanca e na Autónoma de Madrid. Foi profesor e reitor do Seminario Menor da Inmaculada; foi profesor do Instituto Otero Pedrayo, no Posío; cóengo e deán da Catedral Basílica de san Martín. Moi devoto da Santísima Virxe María, o era de xeito moi especial na súa advocación dA nosa Señora do Viso, devoción que herdou do seu tío, párroco de san Vicente de Lobeira, co que pasaba as vacacións. Elegante no seu porte e cordial no trato.
Nos seus primeiros anos, desde o ano 1954 ao 1956, foi adscrito á parroquia da Santísima Trindade e á parroquia de Santa Eufemia do Centro desde o ano 1960 ao 1962. Foi profesor de Lingua e Literatura desde o ano 1954 ao 2001 no Seminario Menor da Inmaculada. Previa elección capitular, foi nomeado deán-presidente do Cabildo catedralicio polo bispo Luis Quinteiro Fiuza.
A don Serafín gustábanlle os «cabildeos» e tiña unha curiosidade innata por saber de historias e de trapicheos clericais. Creou e impulsou a asociación Amigos da Catedral.
Entre as súas afeccións ocupaba un lugar preferente a poesía con algúns libros publicados. Amigo de viaxar, dicía de si mesmo que era «unha persoa que sempre soubo estar onde lle gustaba e, por iso, o seu traballo sempre o fixo moi ao seu gusto».
Querería expresar o máis profundo agradecemento do Cabildo da Catedral Basílica de san Martín e do mundo da cultura e a arte a don Serafín pola súa xenerosidade co templo catedralicio. Pagou do seu pecunio o cadro dos discípulos de Emaús da capela do Santo Cristo, obra do pintor Ferreiro, e a vidreira recentemente estreada do Pórtico do Paraíso, confeccionada en Burgos nos talleres de Vidreiras Barrio, sendo o seu autor Enrique Barrio Solorzano. Que descanse en paz!
Será velado na capela da Casa Sacerdotal de Ourense, en Lamas Carvajal 9, e a misa exequial terá lugar este sábado ás 16.30 na Catedral de Ourense.