0003_202405O22C6991
0003_202405O22C6991

A música do país de Fillas de Cassandra e Tanxugueiras enlea co indie de Sidonie

María Cobas Vázquez
maría cobas OURENSE

OURENSE

Fillas de Cassandra tocarán no Ouren Sound Fest.
Fillas de Cassandra tocarán non Ouren Sound Fest. José Pardo

Desde mañá ata o domingo, O Pereiro acolle o Ouren Sound Fest, con propostas na praza da Igrexa e no complexo deportivo de Monterrei

22 may 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O primeiro gran festival do verán na provincia será en maio e con temperaturas que aínda non recordan ás das vacacións, pero cun cartel que xoga na liga do circuíto galego combinando nomes destacados do indie estatal cos grupos referencia de música do país hoxe en día.

A novena edición do Ouren Sound Fest chega forte e coa novidade de que desta volta non será na capital, senón que se move ao concello veciño do Pereiro de Aguiar. Será no complexo deportivo Monterrei, nunha cita na que a organización atopou o apoio da Deputación. «É un evento que serve de escaparate da gran música que se está a facer en Galicia, sen esquecer tamén as figuras consagradas a nivel estatal e internacional», destacou o presidente da Deputación, Luis Menor, na presentación. Estaba co director do festival, Rubén Álvarez; o delegado en Galicia de Mahou, Txus Sáez; e o xefe da área provincial de Turismo, Cecilio Santalices.

O programa comeza mañá mesmo cun dobre concerto. Ás 19.45 abren o cartel os ourensáns Gargantúa. Será na praza da Igrexa do Pereiro, onde ás 20.50 horas tocará Catuxa Salom. O venres a actividade móvese ao complexo de Monterrei. A apertura de portas será ás sete e media da tarde e quince minutos despois subirá ao escenario La Duendeneta. Seguirán Shego (20.30 horas) e The Rapants (21.45) que dará paso ao dobre prato forte da noite. Primeiro será a quenda de Arde Bogotá, un dos grupos indie que soan con máis forza entre as novidades, para despois darlle paso (á unha da madrugada) a Fillas de Cassandra, o dúo de música do país e mensaxe feminista que se converteu na revelación do verán pasado xunto a The Rapants. Seguirá a noite con Grande Amore (2.20 horas) e Señora DJ será a encargada de pechala. O sábado haberá obradoiros desde as cinco e media hora despois volverá a soar a música de La Duendentea. Ás sete estará Valira, que dará paso a Tanxugueiras (20.20 horas). Pouco despois das dez subirá ao escenario Shinova, que porá a nota indie a unha noite que protagonizará Sidonie (23.50 horas) e as súas «Carreteras Infinitas». Pechará a noite Álvaro Carmona cunha pinchada.

O domingo ás 12.30 horas, Brais das Hortas dará un concerto especialmente pensado para a cativada na praza da Igrexa.

O prezo dos dous días de festival é de 54 euros. Os que queiran acampar terán que pagar once euros máis. Os menores de 11 anos entran de balde.