O Tribunal Supremo obriga ao Concello de Verín a negociar cos sindicatos o pagamento dos complementos de produtividade

La Voz

OURENSE

Casa consistorial de Verín
Casa consistorial de Verín Santi M. Amil

A CIG dá dez días ao goberno local para que cumpra a sentenza e de non ser así estudará a presentación dunha querela por prevaricación

08 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O Tribunal Supremo rexeitou o recurso presentado polo grupo de goberno de Verín contra a sentenza do TSXG que daba a razón á CIG en relación á negativa da entidade local a negociar cos sindicatos os criterios para o pagamento de complementos de produtividade e especial dedicación do persoal público.  

A CIG de Verín-A Limia interpuxo un recurso contencioso administrativo contra o xeito de proceder do Concello ao outorgar, desde o 2016 e mediante decreto, os complementos de produtividade, «atribuídos directamente e sen criterios obxectivos nin negociación polo alcalde, tenente alcalde e concelleira de Persoal a quen consideran». Unha sentenza do xulgado Contencioso Administrativo nº 2 de Ourense, do 2021, anulou a actuación do Concello por ser contraria ao ordenamento xurídico. Condenaba ao ente local a elaborar, negociar e aprobar uns criterios obxectivos. O Concello presentou recurso de apelación contra esa sentenza ante o TSXG, que foi rexeitado, confirmando a sentenza do Contencioso Administrativo de Ourense. Agora, fronte á do Tribunal Supremo, non cabe recurso.

«A CIG fica agora á espera do cumprimento voluntario da sentenza, para o que se fixou un prazo de 10 días. No caso de que nese prazo non se dea cumprimento satisfactorio e se persista en seguir a distribuír o diñeiro público 'á carta e a dedo' advirte que adoptará novas medidas. Entre elas, a presentación dunha demanda contencioso administrativa polos tres anos de produtividade que van desde a primeira sentenza á actualidade, para que o xulgado condene esa situación, ademais de estudar a presentación dunha querela por prevaricación contra os políticos que seguiron a repartir centos de miles de euros en produtividades no Concello de Verín», advirten desde o sindicato.