Os ingresos hospitalarios urxentes subiron un 13 % o pasado Nadal en Ourense

La Voz OURENSE

OURENSE

Entrada de Urgencias del CHUO.
Entrada de Urxencias do CHUO. ALEJANDRO CAMBA

1.494 ourensáns tiveron que ingresar de urxencia no hospital

10 ene 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Durante as vacacións do Nadal, 1.494 ourensáns tiveron que ingresar de urxencia no hospital. Un total de 1.289 persoas acabaron nunha planta do CHUO, 104 no Hospital Comarcal de Verín e 101 no de Valdeorras. Supón un 13 % máis dos que precisaron pasar polo menos unha noite hospitalizados nas festas do Nadal do ano pasado.

O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense acapara a maioría dos casos «porque é referencia para todos os ingresos de maior gravidade e complexidade de toda a provincia, e tamén para aqueles de especialidades que non existen nos dous comarcais», explican desde a área sanitaria.

Cos picos en Urxencias

En canto aos días, o de Nadal foi o que acabou con maior volume de nenos hospitalizados, un total de cinco. Do outro lado da balanza, os días 27 de decembro e o 2 de xaneiro non foi preciso pasar a planta a ningún dos menores que acudiu por Urxencias.

En adultos, o día máis complicado foi o 3 de xaneiro, con 111 persoas hospitalizadas de urxencia; mentres que en Nadal se rexistrou o número de ingresos máis baixos: 63.

Os días de máis hospitalizacións correspóndense tamén cos picos de actividade nos correspondentes servizos de Urxencias. Na área de Pediatría o 25 de decembro atenderon a 125 menores; mentres que na de adultos o maior auxe viviuse o 2 de xaneiro, con 264 pacientes consultados.