Clamor por Penouta: «Estamos orgullosos de traballar na única mina de coltán de toda Europa»

Rubén Nóvoa Pérez
Rubén Nóvoa VIANA DO BOLO

OURENSE

Santi M.Amil

A comarca de Viana do Bolo mobilizouse para reclamar ao TSXG que reconsidere a paralización cautelar da explotación

31 oct 2023 . Actualizado ás 17:27 h.

Os bombos que se usan para o coñecido entroido de Viana do Bolo marcaron o ritmo da histórica protesta que reivindicou na praza Maior do municipio a continuidade da mina de Penouta. O seu futuro está no aire despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordase a paralización temporal da actividade na «sección C» da explotación de Strategic Minerals. Ao redor de medio milleiro de persoas acudiron á chamada para defender un proxecto que foi cualificado polos traballadores da mina como «un alicerce dá nosa comarca e un proxecto primordial para Galicia, España e toda Europa».

E é que a mina de Penouta é a única en todo o continente que ten materiais tan prezados como o tantalio ou o niobio. «Estamos orgullosos de traballar na única mina de coltán de toda Europa. Somos a mina do coñecido como ou ouro negro para vos dispositivos móbiles», rezaba o comunicado do persoal que se leu durante a concentración e que concluíu con dúas proclamas moi repetidas durante a xornada: «Penouta non se pecha» e «a minería é vida».

Antes de realizar un percorrido polas principais rúas de Viana do Bolo, o persoal de Strategic Minerals defendeu que o proxecto se converte no sustento de 129 familias e de empresas auxiliares.

 

Jaime Pérez Branger, director xeral da compaña, mostrou a sorpresa que lles causou a decisión xudicial de suspender un permiso que fora concedido hai pouco máis dun ano por parte da Xunta. «Ten un impacto negativo moi grande para o proxecto. Cumprimos con todo o esixido pola lei e non tivemos en todo este tempo de fiscalización ambiental ningunha incidencia. Este peche cautelar baséase nunha comparación con outra explotación —en referencia á mina de San Acisclo en Muras (Lugo)— que non ten nada que ver coa nosa», sinalou.

O directivo de Strategic Minerals lamentou o impacto nos investidores. A paralización foi decretada pola Sala do Contencioso-Administrativo nunha decisión adoptada por un tribunal presidido por Francisco Javier Cambón e do que formaron parte os maxistrados Cristina María Paz, Juan Carlos Fernández, María de los Ángeles Braña e Luis Villares , que foi candidato á Xunta por En Marea e logo reincorporouse á carreira xudicial. Esta sala foi noticia nos últimos meses por un goteo de sentenzas adversas para o sector eólico, paralizando preventivamente a tramitación de varios parques e anulando expropiacións para outros.

As protestas chegarán, tras un cambio de data polo mal tempo, o 9 de novembro ata a sede do TSXG na Coruña. Na mobilización en Viana estiveron alcaldes da comarca, o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, ou o portavoz do BNG na Deputación, Bernardo Varela.