Puxedo invita a artistas a unha xornada de pintura ao aire libre para que reflictan as paisaxes e a vida desta aldea do Xurés

La Voz OURENSE

OURENSE

Jornada de pintura al aire libre de Puxedo
Xornada de pintura ao aire libre de Puxedo Cedida

A iniciativa da asociación Xurés Xoven celebra este sábado, día 7, a súa sexta edición

04 oct 2023 . Actualizado á 17:46 h.

A asociación Xurés Xoven organiza este sábado, 7 de outubro, as sextas xornadas de pintura rápida ao aire libre na aldea de Puxedo, en Lobios, unha localidade do Xurés que combina a arquitectura tradicional con murais creados polo artista Mon Devane para cubrir o feísmo con arte urbana que recrea escenas do ciclo do pan no mundo rural.

Todos os anos, os veciños organizan talleres de grafiti, dirixidos por Mon Devane, para ir cubrindo as fachadas de bloque que aínda quedan no pobo. Nese marco de actividades para recuperar o patrimonio etnográfico á vez que se implica á mocidade e ás distintas xeracións nos proxectos como este de «Puxedo a Cotío», no que se invita a artistas profesionais e afeccionados a pintar ao aire libre, inspirándose nas paisaxes de Puxedo.

Quen queira participar poden inscribirse, ata o xoves, 5 de outubro, no correo electrónico  puxedo33@hotmail.com. A inscrición é gratuíta e a organización corre cos gastos de manutención e desprazamento dos artistas. A xornada comezará ás 10.30 e os pintores entregarán os seus cadros ás 18.30 horas. Estes quedarán expostos no centro sociocultural de Puxedo ata finais de ano.