
Os pequenos gozaron dunha mañá de visitas a distintas institucións ourensás para fomentar a aprendizaxe sobre política
10 ago 2023 . Actualizado á 05:00 h.O Campamento Urbano de Amencer celebrou onte unha iniciativa destinada á aprendizaxe sobre o ámbito da política para os máis pequenos do campamento, coñecida como "Día do Parlamento". Un total de sesenta nenos de idades comprendidas entre oito e doce anos aproveitaron a mañá para facer unha visita por varias institucións. A primeira parada tivo lugar no Concello de Ourense, onde foron recibidos polo alcalde Gonzalo Pérez Jácome, xunto coa concelleira de Educación, Tamara Silva. Alí explicáronlles o funcionamento da institución municipal e realizaron unha visita polo salón de plenos.
Tamén realizaron visitas á Deputación de Ourense e á Confederación Empresarial de Ourense. Na institución provincial foron recibidos polo delegado de representación institucional, Rosendo Fernández. Os pequenos percorreron o salón de plenos, onde celebraron un simulacro dunha sesión parlamentaria. Na CEO, os participantes simularon un proceso electoral, formando distintos partidos políticos e elaborando hipotéticas propostas para levar a votación e implantar na provincia.
Durante o resto da mañá, participantes do campamento visitaron outras institucións como a Subdelegación do Goberno, os xulgados, o Bispado e a delegación da Xunta en Ourense.