Xesús Alonso Montero: «O contacto coa xente do Ribeiro foi o que marcou a miña descuberta do galego»

X. M. R. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928).
Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928). Santi M. Amil

O académico, recoñecido coa Medalla de Ouro do Liceo, considera «de xustiza» as Letras Galegas para Antón Tovar

11 jun 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

A memoria prodixiosa de Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) vai aportando datos, acontecementos, episodios, datas e anécdotas a eito. Volve á súa casa —«son un ribeirao de Ventosela que sempre retorna, aínda que nesta altura menos do que quixera»— para recoller a Medalla de Ouro do Liceo de Ourense. Unha distinción que a entidade acordou entregarlle para agasallalo e recoñecer o seu compromiso e colaboración de vello coa institución e coa cidade. Sempre cun sorriso e a ollada pícara daquel cativo que fixo a descuberta do territorio da súa tribo cando andivo por vez primeira entre as vides aos nove anos, Alonso Montero chega reivindicativo: «Traio a gravata máis vermella que atopei. Fun mercala antes de saír para Ourense».

—Como valora a distinción?

—Con gratitude e desconcerto. Como dixo Curros cando lle deron a coroa de poeta, no ano catro na Coruña, non sei que fixen por Ourense. Son un home das palabras que estudou filoloxía polo meu contacto coa xente do Ribeiro e a descuberta do galego que fixen na terra de onde eran meus pais. Ata entón só era un rapaz que falaba castelán.

—Desenvolve unha actividade importante. Asina artigos en xornais e revistas, mantén a faceta editorial con novas entregas, participa en encontros e segue como conferenciante. Como fai para manter o ritmo?

—Dentro de seis meses cumpro 95 anos. Non hai ningún segredo, é cuestión de xenética. Meu pai non, pero miña nai morreu lonxeva. E nunca tiven vicios maiores. Nin fumei nin bebín. Aínda que nacín nunha taberna e traballei no campo, como labrador vinícola, non fun bebedor. Outros vicios supraumbilicais —porque hainos supraumbilicais e infraumbilicais— parece que non son vicios, polo que din os entendidos. Aquí estou; a miña saúde non é a de hai 10, 12 ou 15 anos, pero teño moita actividade académica, de presentación de libros, creación literaria, e non hai moito publiquei un libro de catrocentas páxinas sobre Antonio Machado e outro sobre Delgado Gurriarán... Neste momento é o mellor que podo facer.

—Hai pouco presentaban no Liceo a antoloxía de Antón Tovar na que vostede participaba. Chegaremos a vivir unhas Letras Galegas dedicadas ao poeta?

—Eu e dous académicos máis, Torres Queiruga e Ramón Lorenzo, propuxémolo para ser debatido o día 29, que é cando a Academia decide. O que pasa é que hai outras propostas e a decisión correspóndelle aos académicos.

—De non ser para o 2024 considera que algún día Tovar será protagonista do 17 de Maio?

—É de xustiza, dende hai moito tempo. Como figura nun informe que fixen para esta ocasión —recollendo palabras de Cunqueiro, Casares, Risco e doutra xente— Antón Tovar é un dos grande poetas que deu Galicia. Hai anos que o veño dicindo.

—Asinou varios informes sobre o galego. Seguen a ser necesarios?

—En Dinamarca ou Filandia, países de moi pouca extensión e poboación coma o noso, non defenden o seu idioma polo simple feito de que non está ameazado. Aquí aínda o temos que reivindicar porque hai un déficit inquietante. Se dentro de 20, 30 ou 40 anos a xente fala o galego na casa, na rúa, nas súas actividades cotiás, no baloncesto, para ligar na discoteca, etcétera, daquela non haberá nada que defender. Polo de agora, por desgraza, si.

—Cando estivo na presidencia da Real Academia Galega foi especialmente crítico coa Xunta neste apartado.

—O futuro do galego é unha cuestión política, como o do occitano e o bretón en Francia ou o do sardo en Sardeña o é de Italia. Cando naceu Unamuno, en 1864, non falaba ninguén o vasco en Bilbao. Hoxendía vostede escóitao con normalidade pola rúa grazas á implicación e ás políticas do seu goberno e do compromiso do PNV. O PP, que sempre estivo na Xunta, leva feito cousas, pero hai moitas que debería facer e non as fai.

—Que destacaría da súa etapa á fronte da RAG?

—Non foi unha presidencia ao uso. Dimitiu Ferrín e varios académicos propuxéronme por ser o máis vello. Ferrín, que ten os seus partidarios na Academia como os teño eu, foise por unhas denuncias que saíron nos xornais. Foron momentos de moita tensión e uns anos complicados. Con todo, a cousa máis satisfactoria que levo feito na miña vida é facer ese sacrificio por unha institución fundamental para o galego e a cultura de Galicia.

«Estou rematando un libro cos textos que Murguía escribiu sobre Rosalía de Castro»

Protagonista dunha ampla traxectoria docente e intelectual, Alonso Montero ten sido obxecto de homenaxes nos últimos anos. Para festexar os 90 celebraron un encontro en Vigo no que participaron, entre outros, moitos ex alumnos que recoñeceron o seu legado e maxisterio. El mírao doutro xeito: «Era polo que me pagaba o Estado, por ser profesor. E se non cumprise o meu cometido o Estado tería que botarme». Xan Leira converteuno en protagonista dun documental, que o vello mestre tamén mira pola reviravolta: «Foi unha haxiografía, porque todos os que saían alí eran amigos meus. Bueno, se fas unha homenaxe tampouco é do caso levar aos inimigos». A memoria da súa segunda muller —María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, especialista en Rosalía de Castro, finaba no 2018— está na cerna do seu próximo proxecto.

—En que anda a traballar?

—Estou rematando un libro cos textos que Manuel Murguía escribiu sobre Rosalía de Castro. Ando a corrixir as probas dun libro inédito que deixou a miña muller que se titula Rosalía de Castro vista por Manuel Murgía. Este é o ano do centenario da morte de Murguía e pagaba a pena reunir, como fixo Victoria Álvarez, todos os textos que deixou. Poemas —inéditos algúns—, cartas e outros escritos que el escribiu sobre a súa muller. Dende 1858, no que publicou o primeiro artigo sobre ela, ata escritos dos anos 1921 e 1922. 

—Ten investigado e publicado libros sobre moitos autores. De Curros a Machado e de Lorca a Gurriarán, entre outros. De escoller un con cal se quedaría?

—É difícil non escoller a Rosalía de Castro. Pero tamén me gustaría decidirme por un libro que escribín, ademais de facer a edición da súa poesía completa, sobre o médico de Mondoñedo Manuel Leiras Pulpeiro. Nel danse as características que a min máis me orientan na vida: escritor e cidadán ao servizo da sociedade.

Futuro candidato a presidir a III República e apoio a Yolanda Díaz

O académico agasallado polo Liceo mantén unha forte militancia ourensá. Lembra que naceu por accidente nunha taberna de Vigo, a dos seus pais, pero que o Ribeiro é o seu territorio natural. Á terra chegou aos nove anos e alí fixo a descuberta do galego, das palabras, da xustiza social que estaba por vir e de tantas outras cousas. Traballou na viña, foi de festa, namorou e fixo amigos. No camiño que percorre a súa privilexiada memoria aparecen protagonistas: os seus tíos —«o pai do meu curmán Clodomiro Montero era o maior blasfemo que coñecín. Pero ollo, unha persoa que era quen de converter a blasfemia en obra de arte»—, os compañeiros de colexio —algún, como Julio Gómez Freijido, atopouno anos despois na emigración arxentina—, o canteiro Petouto, as paisaxes da Groba e Ventosela, os pobres que andaban en zocos e tiñan o pantalón remendado —«o galego era o idioma dos pobres»— e as palabras, entre outras cousas. Por elas, polas palabras, escolle ser filólogo en lugar de médico ou avogado —«carreiras de maior proveito»— e a Madrid marchou a estudar Filoloxía Románica porque daquela non había en Compostela. Cun currículo tirando ao infinito e un cento de publicacións, mantén as súas demandas e compromisos.

—Asegurou unha vez que o rei sería Felipe VI O Breve.

—Felipe VI non morrerá sendo rei. É máis, xa o dixen no meu discurso e lémbrollo agora, agardo vivir outros corenta anos e serei candidato a presidir a III República Española, tendo como contrincante a Felipe de Borbón.

—Para un home do PC como se vive a situación actual?

—As esquerdas teñen a razón, pero non chega con iso. Hai que saber trasladar esa razón e que chegue ao electorado para que nos voten. Os resultados do 28M son un desastre. Estou con Sumar. Tiven no colo a Yolanda Díaz cando tiña seis meses e apoio o proxecto. E se é para multiplicar, en vez de sumar, mellor.

Quen son. 

«Unha persoa que se identifica co epitafio de Manuel Leiras Pulpeiro. ‘Amou a verdade e practicou ou ben' pódese ler non mesmo e así me gustaría a min ser lembrado».