Reis

OURENSE

28 mar 2023 . Actualizado á 05:00 h.

Un España - Noruega sen Haaland quedou curto para paliar unha fin de semana sen liga de Primeira División. E, aínda por riba, saíulle a competencia de Piqué e Ibai Llanos, coa final a catro do seu Kings League. Case nada. Encheron o Camp Nou con máis de 92.000 persoas e acadaron picos de 2 millóns de espectadores conectados en directo ao evento.

A quen nos gusta o fútbol rueiro, os aparatos véñennos grandes, pero tamén é certo que neste mundo xa non te podes durmir sen evolucionar. Espectáculos visuais, concertos tipo Super Bowl e números un en reproducións musicais como Lali Espósito e Tiago PZK. Ata se sumou o estrellón Neymar, asegurando que secuestrara a Piqué e non o soltaría ata presidir un dos equipos da próxima edición.

Quizais o deporte era o de menos, pero nun escenario como o coliseo culé vai e brilla José Juan. Aos seus 43 anos, o vigués que defendeu a portería do Ourense a principios de século aínda arrastra esa multiplicada popularidade do día que freou ao Real Madrid na Copa do Rey, co Alcoyano. O seu equipo, O Barrio, protagonizou a sorpresa en semifinais ao tombar (4-3) a Saiyans, a formación presidida por TheGrefg, un youtuber con 18 millóns de subscritores. Na final, o bo de Josiño blindou a súa porta ante Aniquiladores: 3-0. O seteiro, ademais, prolonga a súa carreira en terras levantinas e busca co Athletic Torrellano unha praza de promoción de ascenso á Segunda Federación, igual que a VDE Ourense. Tan lonxe e tan preto. Os reis no campo mestúranse cos reis das redes: 2023.