Analizan o papel de Delgado Gurriarán nas evacuacións da Guerra Civil

La Voz OURENSE

OURENSE

Xornadas Florenciófilas en Petín.
Xornadas Florenciófilas en Petín. CEDIDA

As Xornadas Florenciófilas abordaron a represión sufrida polas mulleres

20 nov 2022 . Actualizado á 05:00 h.

O Teleclub de Petín foi escenario este sábado da segunda sesión das Xornadas Florenciófilas, organizadas en homenaxe ao escritor Florencio Delgado Gurriarán, recoñecido este ano co Día das Letras Galegas. Na charla —que foi introducida pola alcaldesa da localidade, Raquel Bautista— participaron expertos na figura do autor valdeorrés e afondouse no papel que tivo no seu día nas evacuacións efectuadas nos momentos finais da Guerra Civil e xa na ditadura.

Telmo Fernández, licenciado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, explicou que saían desde África a América, principalmente a México, e subliñou o papel de Florencio e de outros valdeorreses nese proceso desde Francia e tamén desde Cataluña. Camilo Valdehorras explicou, pola súa parte, o impacto que supuxo para Delgado Gurriarán coñecer a realidade do mundo galego no exilio. Finalmente, na mesa redonda —que foi moderada por Cristina de la Torre— interveu Aurora Marco, que falou sobre a represión sufrida polas mulleres valdeorresas durante a ditadura.

Despois do acto, tanto os conferenciantes como o público foi convidado a una degustación de produtos valdeorreses nunha cova de Petín, onde continuou a charla, aínda que xa dun xeito máis distendido.