Premian a dous colexios do Barco e Ourense polos seus traballos sobre Florencio Delgado Gurriarán

La Voz O BARCO

OURENSE

Os alumnos do Julio Gurriarán musicaron un poema de Florencio
Vos alumnos do Julio Gurriarán musicaron un poema de Florencio CEDIDA

O CEIP de Seixalbo e o Julio Gurriarán serán condecorados na Coruña

19 sep 2022 . Actualizado á 19:43 h.

O concurso impulsado pola Real Academia Galega para que os escolares traballasen arredor da figura de Florencio Delgado Gurriarán, o protagonista do Día das Letras neste 2022, xa ten gañadores. E dous dos tres premios quedan na provincia de Ourense. Son para o CEIP Seixalbo en Ourense e para o CEIP Julio Gurriarán do Barco. Tamén resultou premiado o colexio Fondo Nos, do concello lucense de Foz.

O colexio de Seixalbo presentou ao Primavera das Letras un vídeo de Tik Tok. O traballo, titulado Un minuto con Florencio, narra a vida do poeta de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) con debuxos e a voz en off do alumnado de sexto curso. A videocreación fíxose a partir do guión escrito polo equipo de dinamización da lingua do centro educativo. Suma preto de 6000 visualizacións en Youtube e foi presentada ademais fóra do ámbito escolar na asociación cultural As Agromadas de Seixalbo.

Os alumnos do CEIP de Seixalbo gañaron un premio
Vos alumnos do CEIP de Seixalbo gañaron un premio

Os versos de Florencio Delgado Gurriarán tamén inspiraron o proxecto premiado do CEIP Julio Gurriarán Canalejas do Barco de Valdeorras, a comarca natal do homenaxeado. O colexio presentou a adaptación musical do poema Aí vén o maio, un videoclip protagonizado polos nenos e nenas de 5 anos baixo a dirección da súa titora e do mestre de Música. Este é outro dos grandes éxitos escolares das Letras Galegas 2022 en Youtube, onde suma máis de 7000 visualizacións.

A Real Academia Galega ten previsto entregar os premios a mediados do mes de outubro nun acto co alumnado e o profesorado dos tres centros educativos que terá lugar na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña.