Arrinca a vendima na denominación de orixe Monterrei coa recollida de uva godello

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Cedida

A adega Castro de Lobarzán comezou este xoves cos traballos

02 sep 2022 . Actualizado ás 10:52 h.

A campaña de vendima no territorio amparado baixo a Denominación de Orixe Monterrei comezou este xoves nos viñedos da adega Castro de Lobarzán, situada en Vilaza.

José Manuel Fernández, xerente da empresa, explica que este ano comezaron uns dez días antes do habitual aínda que a súa adega é sempre das primeiras, ao contar con variedade godello, unha das máis precoces.

Aínda que haberá que agardar para comprobar a calidade da uva, que se prevé boa, o que si se notou é unha diminución na produción debido, principalmente, ás altas temperaturas deste ano. «Este ano, coa seca, houbo acios que se queimaron co sol, porque é unha variedade sensible. Hai merma na cantidade pero tamén favorece que a maduración sexa antes», explica José Manuel.

A vendima en Castro de Lobarzán será paulatina, xa que non todos os acios teñen o mesmo grao de maduración, polo que irán combinando a recollida de godello con outras variedades. «A da este ano é unha colleita atípica», di Fernández, ao destacar as condicións climatolóxicas adversas. Con todo, sinala que haberá que agardar a que empecen a fermentar as uvas para saber se a calidade será boa. O adegueiro explica que agora que empezaron a recoller a uva o mellor é que non chova xa que está no seu estado óptimo. Cre que o resto das adegas poderían comezar a vendimiar a partir desta fin de semana.