Saúl López pecha a tempada con pleno na Copa Galicia

OURENSE

CC MACEDA

O club de Maceda proclamouse mellor equipo do certame autonómico, con outras dúas vitorias na táboa xeral

18 jul 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

Rematou a Copa Galicia da modalidade olímpica (XCO), en Ribadumia, e o ciclismo ourensán volveu levar un substancioso botín, grazas en especial ao dominio do Academia Postal Abanca Maceda, elixido mellor equipo da tempada.

A formación macedana tivo no seu representante Elite, o monfortino Saúl López, un claro dominador, posto que pechou na última proba no Salnés un rexistro de triunfos na totalidade das probas do calendario deste curso. O control de Saúl nesta campaña foi demoledor e non deixou opción algunha aos seus distintos perseguidores ao longo dos últimos meses. En Ribadumia, co título xa sentenciado, volveu mostrarse moi forte desde os primeiros metros da carreira.

Non foi o único triunfo macedano na xeral da Copa, posto que Andrea García foi a mellor sub 23 e José Manuel González o vencedor na clasificación. Dese modo, o club asegurouse o título de mellor equipo de Galicia no presente 2022, un baremo reforzado polo subcampeonato de Sarela Conde na categoría júnior e o terceiro posto de Hugo Álvarez no apartado masculino da mesma categoría. Xunto a eles mover en postos de privilexio tanto a cadete Iris Fernández, como o sub 23 Brais Fernández.

Outros dous ourensáns lograron acadar os postos máis altos da Copa Galicia. Foron o cadete do CC Carballiño, Alejandro García, case invencible na súa categoría, mentres que José Carlos Sanmiguel (Ourense Termal) impúxose entre os M-30. O seu compañeiro de club, Rubén Deaño, tamén sumou varios podios absolutos no presente curso.

Pablo Rodríguez

Despois do seu alzarse co título galego no seu Maceda natal, Pablo Rodríguez completou un novo dobrete na Copa do Mundo, onde se recupera aos poucos dun inoportuno contaxio de covid. Se na suíza Lenzerheide apenas puido asomarse ao top cincuenta, esta vez o ciclista do BH O Templo Cafés, mellorou as súas prestacións na cita andorrana de Vallnord, entrando na vigesimonovena praza. O vencedor foi o italiano Luca Braidot, por diante do olímpico Valero.