Emilia Díaz Losada, investigadora da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia: «Recuperamos variedades que poden ser de interese para o seu cultivo»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

A coordinadora de Viticultura da Evega recibirá o premio Ribeiro en Nós

13 jun 2022 . Actualizado ás 22:51 h.

O Ribeiro vaise de celebración á Coruña. A denominación de orixe celebra cada ano a gala na que se reivindica e recoñece aos que están vencellados ao mundo do viño, dende os que terman das vides con agarimo para ter a mellor colleita aos que o valoran ou llo ofrecen aos seus clientes nas tendas especializadas, tabernas ou restaurantes. A cita será o xoves, día 16, no Centro Ágora da Coruña e alí se xuntarán centos de invitados para participar nunha celebración na que se entregarán premios como o Ribeiro en Nós, que nesta segunda edición recoñece o traballo da investigadora Emilia Díaz Losada (Ganade, Xinzo, 1964). Responsable do departamento de Viticultura da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), coordina a investigación que se desenvolve dende o servizo con sede en Leiro e competencia en toda a comunidade. O Consello Regulador do Ribeiro concedeulle o galardón en recoñecemento «das súas aportacións para sentar as bases da viticultura galega do futuro». 

—Como valora o premio?

—É un recoñecemento ao labor que facemos no noso día a día. Non só eu senón todos os que formamos parte do equipo, daquela é un galardón que comparto con todos eles. Recollereino eu, pero é un premio dedicado a todos aqueles que están contribuindo a que a viticultura galega avance en coñecemento.

—Recoñécense «as súas aportacións para sentar as bases da viticultura galega do futuro».

—É o equipo da Evega o que fai o traballo para contribuir ao coñecemento da viticultura galega.

—En que está a traballar?

—A miña principal liña de investigación é a recuperación e posta en valor de variedades que poden ser de interese para o cultivo en Galicia. Recentemente rexistrouse a variedade albilla do Avia, e están en fase de rexistro zamarrica e xafardán. E queremos avanzar con outras dúas: a carabuñenta e a tinta amarela.

—A iniciativa enmárcase dentro da investigación das variedades minoritarias?

—Si. Estamos a rematar un proxecto, no que colaboramos distintas comunidades autónomas, de estudo das variedades minoritarias. Permitiranos dispor dunha visión más ampla da potencialidade destas variedades ao poder comparalas non só coas cultivadas en Galicia. Tamén se incluiron, xunto ás citadas, a variante tinta do albariño e a variedade ratiño, tamén recentemente incluída no rexistro de variedades comerciais.

—Téñense desenvolvido elaboracións coas mesmas?

—Un feito importante deste proxecto é que colaboramos con adegas para a elaboración dos viños experimentais. Así, colaborouse con Couto Mixto na elaboración da zamarrica, con Martín Códax na de albariño tinto, con Pazo Fefiñanes para a xafardán e con Don Olegario na elaboración do ratiño.

—En conxunto, cantas variedades de uva temos en Galicia?

—A día de hoxe no potencial de produción vitícola constan trinta e unha variedades de vides, que poden ser utilizadas para a elaboración de viño. E agardamos que en breve teñamos polo menos outras cinco, se ben aínda deberán pasar uns anos.

—É a coordinadora do programa de selección clonal de variedades tintas autóctonas de Galicia.

—O primeiro programa de selección centrouse nas brancas; só se incluía unha tinta —a mencía—. Galicia aposta tamén polo cultivo das tintas, non só na Ribeira Sacra, e os rexistros históricos falan da súa presenza practicamente en toda a comunidade. As variedades de máis ampla distribución eran brancellao e sousón. Pero na Evega tamén se abordou a do espadeiro e do caíño tinto, e estase a facer a do merenzao.

—Comentaba hai anos que hai variedades menos coñecidas que teñen un gran futuro. Como cales?

—As que comentei, porque poden aportar peculiaridades aos viños galegos. A albilla do Avia e zamarrica, por exemplo, teñenun bo potencial aromático.

«O cambio climático está a mudar o perfil dos viños de Galicia»

Dende a Evega son varias as liñas de investigación que se desenvolven, ademáis de traballar co sector para tentar mellorar a viticultura e dar resposta ás demandas que se presentan.

—As enfermidades da madeira seguen a ser un problema?

—No 2004 iniciouse na Evega unha liña de investigación para tratar de respostar a unha problemática que parece estar a rexurdir con forza nos últimos anos: estamos vivindo unha etapa na que as cepas novas morren e obsérvase un aumento da morte de cepas en viñedos duns 25 anos. Unha das posibles causas son as enfermidades da madeira. Avaliamos a sensibilidade das variedades aos fungos causantes das enfermidades e outros aspectos —poda, axentes de control biolóxico...— e todo foi obxecto dunha tese doutoral defendida por María del Pilar Martínez Diz. A problemática está sen resolver e aínda non temos a resposta que o viticultor desexaría. Incidimos moito nas medidas preventivas.

—O cambio climático mudará o panorama galego?

—É a cuestión máis actual. É moi posible que a viticultura galega, sobre todo a das zonas máis húmidas, se vexa beneficiada a nivel fitopatolóxico, pero o cambio climático está a mudar o perfil dos viños en Galicia. As solucións que se están valorando para escapar deste é a de plantar en zonas máis altas, para tentar manter a acidez dos viños. 

—Haberá que cambiar as castes?

—Contamos cun potencial varietal que nos permitiría optar por variedades que estean máis adaptadas a este cambio. Aquelas nas que a acidez non baixe tanto cando se alcanzan altas gradacións. En tinto somos terra de caíños, que moi probablemente será necesario recuperar de cara ao cultivo de tintos. En brancos, hai variedades que manteñen ben a acidez, como a albariño ou o caíño branco, entre outras.

Das castes aínda por identificar á formación do relevo xeracional

Emilia Díaz Losada é unha perfecta coñecedora da realidade do rural da provincia e da actividade agraria. Orixinaria de Ganade e filla de agricultores da Limia, veu estudar a Ourense dende que era unha cativa. Na cidade desenvolveuse a maior parte da súa formación e foi na mesma onde cursou os primeiros anos da carreira de Bioloxía, para rematar na Universidade de Santiago. De volta en Ourense deu continuidade á súa formación doutorándose pola Facultade de Ciencias, da Universidade de Vigo, en 1995. Formou parte do departamento de Bioloxía Vexetal e impartiu docencia en Ourense —entre outras asinaturas na de práctica en Viticultura—.

Foi no ano 2005 cando se incorporou á Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) cun contrato posdoutoral concedido polo Instituto Nacional de Investigacións Agrarias. As primeiras investigacións desenvolveunas estudando o pole presente en produtos apícolas. Cando se incorporou ao centro situado en Leiro foi cando se centrou nun novo campo de traballo: o mundo do viño e das viñas.

—Comentou nunha ocasión que teñen oito variedades sen identificar. Como chegaron aquí?

—Non é fácil respostar, xa que tampouco coñecemos a orixe doutras cuxo cultivo xa está estendido. Na historia das variedades de vides galegas aínda que hai que falar das presentes no macizo galaico portugués tamén existen lagoas en canto á orixe. Fálase da introdución a partir dos romanos, da implicación na súa distribución por parte dos eclesiásticos, do Camiño de Santiago... Pero en toda esta historia tamén é certo que, como consecuencia da hibridacións naturais doutras variedades que se cultivaban, puideron xurdir variedades que só aparecen en Galicia, ou polo momento solo se describiron aquí. Falo por exemplo da lado e da albilla do Avia, que non temos datos ata o momento da súa presenza noutra zona que non sexa o Ribeiro.

—Ten coordinado o curso de formación da Evega. Hai interese na incorporación ao sector?

—Estamos percibindo unha pequena subida de inscricións por parte da xente nova, o que parece indicar a existencia dun relevo xeracional en Galicia. Aínda que moi comedido.

Quen son.  «Na rede social alguén me definiu como unha persoa consciente dá súa responsabilidade e cun alto sentido do servizo público, e creo que non se engana. Definiríame como unha persoa tenaz, que busca sentirse a gusto non seu traballo».