Non sexas «repunanta»

Ruth Nóvoa de Manuel
Ruth Nóvoa DE ESGUELLO

OURENSE

12 jun 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

Atribúen a John Lennon unha frase que é toda unha lección: «A vida é iso que che pasa mentres estás facendo outros plans». Unha fai propósitos de dedicarlle atención ao «iso» pero acaba esquecéndose e caendo outra vez no modo automático. Ás veces creo que a vida é iso que deixas de gozar mentres che queixas. Entón chócasche de fronte coa vida doutros e recibes tal labazada de realidade que che tragas todas as túas palabras. E dásche conta de que es unha repunanta, esa palabra que non aparece no dicionario pero que moitos utilizamos para definir a unha persoa quejosa, pejiguera, quisquillosa...

Esta última semana, cando aínda tiña o rostro vital coloreado por unha labazada, veume outra. Unha especie de «pór a outra fazula» existencial.

O domingo coñecín a Marko, un neno que é ucraíno aínda que naceu en Ourense. Recoñezo que tiven que aguantarme as ganas de darlle un colo, porque ultimamente me poño moi blandita cos bebés. Pero fose raro que a xornalista que foi ao hospital a convertelo en noticia con apenas dous días de vida colléseo en brazos. O que realmente me puxo blandita foi atoparme de fronte cun neno ao que o seu pai aínda non puido coñecer porque tivo que quedar nun país invadido mentres a súa muller, embarazada entón e con outros dous nenos, saía do país para afastarse da guerra. A empatía, que é unha ferramenta fundamental para construír unha sociedade mellor, púxome a pel de galiña e encolleume o corazón. Por se iso non fose suficiente para pórme no meu lugar polo menos durante un tempo, aos poucos días coñecín (como os lectores de La Voz) a historia dunha ourensá que, cando tiña a idade que eu teño agora, quedou incapacitada por unha intervención cirúrxica. Sen ter criterio sanitario nin xurídico, os 270.000 euros que recibirá de indemnización despois de quedar sen mobilidade nunha perna, sen control dos seus esfínteres, sen posibilidade de traballar e sen o fogar no que vivía (porque xa non podía acceder a el) parécenme unha miseria. E como a vida é tan retorta, despois daquilo sufriu un cancro de mama con dobre mastectomía.

Así que aquí estou, recentemente losqueada pola realidade, co propósito de non ser repunanta e lembrando o importante que é pórse no lugar dos demais.