A D.Ou. Ribeiro recoñece o labor da catadora Pilar Cavero e da investigadora Emilia Díaz Losada

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Emilia Díaz
Emilia Díaz Santi M. Amil

Ambas recollerán as súas distincións o próximo 16 de xuño na Coruña

04 jun 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro distinguirá na próxima edición dos seus premios anuais a dúas mulleres vinculadas ao sector: a catadora Pilar Cavero, galardoada co premio Muller e Viño; e a investigadora Emilia Díaz Losada, recoñecida co Ribeiro en Nós. Ambas recollerán as súas distincións xunto ao resto de premiados o próximo 16 de xuño, no transcurso dunha gala que se celebrará no Centro Ágora da Coruña, ás 19.00 horas, e que reunirá por centos de invitados. Pilar Cavero está considerada unha das mulleres máis influentes no sector e unha reputada consultora, catadora e divulgadora. Conseguiu no 2013 o título de Mellor Catador de España, outorgado pola unión de asociacións españolas.

A investigadora Emilia Díaz Losada é a actual responsable do departamento de viticultura na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), en Leiro , á que se incorporou no ano 2005. O consello regulador recoñece «as súas achegas para asentar as bases da viticultura galega do futuro». Ambas se suman á lista de premiados nas diferentes categorías, entre eles Alfonso Sánchez Izquierdo , que recibirá o de Persoeiro de Honra. O consello dará a coñecer os próximos días o nome do resto dos galardoados.