O Marcos Valcárcel acollerá unha exposición con obras de Picasso, Rembrandt e Rubens

María Doallo Freire
M. Doallo OURENSE

OURENSE

Cedida

A mostra, que pertence a unha colección privada, inaugurarase o próximo 12 de maio

07 may 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

O centro cultural Marcos Valcárcel está ultimando os detalles da exposición O amante do papel, na que se reúnen obras dalgúns dos grandes artistas da historia. Organizada pola Deputación de Ourense , a mostra está composta por 45 traballos en papel de pintores como Pablo Picasso, Rembrandt, Alberto Durero, Salvador Dalí, Rubens, Marc Chagall ou Toulouse-Lautrec. Inclúe debuxos, gravados, litografías e serigrafías. Todas pertencen a unha colección privada, formada por máis de 2.000 pezas, cuxo propietario foi adquirindo ao longo da súa vida. Agora cedeunas temporalmente e de forma gratuíta para a súa exposición pública.

Rosario Sarmiento é a comisaria da mostra que se inaugurará o vindeiro xoves, 12 de maio. O equipo do Marcos Valcárcel xa está a traballar na instalación das obras. Este venres recibiu a visita de José Manuel Baltar, presidente da Deputación provincial. «A oferta deste centro cultural experimenta unha nova velocidade coa exposición das obras de grandes nomes da arte. Auténticas iconas que os ourensáns terán a oportunidade de contemplar e que tamén se converten nun motivo máis para achegarse ata Ourense», comentou Baltar.