Félix Cao, o preparador físico do Betis, é ourensán

OURENSE

Félix Cao (izquierda) en su etapa cómo preparador físico del West Ham United, junto al futbolista inglés Declan Rice (derecha)
Félix Cao (esquerda) na súa etapa como preparador físico do West Ham United, xunto ao futbolista inglés Declan Rice (dereita) Cedida

Estará este xoves na aula magna da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo para ofrecer unha charla sobre a súa experiencia

09 jun 2021 . Actualizado á 05:00 h.

Un dos homes de Manuel Pellegrini é ourensán. Félix Cao naceu na cidade en 1983 e tras estudar un máster de Lesións en Madrid, pasou por equipos de varios países e niveis, como o Pontevedra, as categorías inferiores do Celta, o Ribadumia, o Wuhan Zall e o Hebei Fortune chineses, e o West Ham United, histórico do fútbol inglés. Actualmente é o preparador físico do Real Betis. Este xoves, Cao ofrece unha charla patrocinada polo grupo Vila Castro.

-Por que escolleu ser preparador físico?

-Xoguei desde pequeno no Club Deportivo Ourense e a partir de determinadas categorías non me daba o nivel para seguir crecendo. Centreime nos meus estudos, e ao final da licenciatura había materias relacionadas co fútbol, específicas en canto a rendemento. Os meus profesores ofrecéronme a posibilidade de enrolarme no grupo de investigación que había na facultade e empecei de modo profesional.

-Como foi o irse a China? Como é o fútbol alí?

-Ofrecéronme irme por catro meses e acabaron sendo tres anos e medio. É unha potencia mundial en moitos deportes individuais, pero o fútbol alí ten, como quen di, vinte anos de existencia. Hai anos empezaron a investir moito e ultimamente centráronse en mellorar o fútbol base.

-E irse a Inglaterra? Viven o fútbol alí tanto como parece?

-Si. Eu non teño tanta experiencia como o grupo co que traballo e poida que mitifique un pouco a miña experiencia no West Ham, pero todos me comentan o mesmo: ‘para os ingleses o fútbol é unha relixión'. Téñeno todo moi desenvolvido e estruturado. Os clubs atenden a todos os aspectos, incluso ao nivel de estar inmersos na comunidade. Os equipos de Londres, por exemplo, están moi concienciados con axudar á xente dos seus barrios.

-Que tal foi esta tempada no Betis?

-Na primeira volta fomos pouco consistentes, pero a partir de decembro enlazamos unha moi boa serie e ao final conseguimos ese obxectivo de clasificarnos para a Europa League. Para min é un soño. É a primeira vez que vou disputar unha competición así.

-Desde a óptica de preparador, cambia moito a forma de traballar en función do tipo de fútbol que se practica en cada país?

-O contexto determina moito as situacións. Os recursos que tes tamén inflúen pero ao final é máis o estilo, as metodoloxías e o perfil que seleccionan os equipos. En ligas como a inglesa si que lle dan máis importancia á condición física polo ritmo de xogo tan alto que hai. Tamén os árbitros deixan seguir moito máis e iso condiciona moito.

-Atopouse con algún futbolista cuxo físico lle impresionase especialmente?

-Agora mesmo todos os xogadores evolucionaron moitísimo na parcela física. Son conscientes de que a súa ferramenta de traballo é o corpo e coidan moito a alimentación, parte mental... Non che atopas nada que sexa fóra do común pero ves que todos están en óptimas condicións. Logo hai casos como o de Sergio Canales, que sorprende que renda así con tres rupturas do ligamentos cruzado e dúas lesións de isquios. Pero o ves traballar, como se coida e como prioriza... Ao final son moitas horas investidas no seu día a día para render a ese nivel. Outros por exemplo teñen unha moi boa condición, tiveron sorte coas lesións e ves que renden cunhas idades que antes era impensable, como Joaquín. Tamén os hai que son auténticas bestas da natureza como Michail Antonio ou Arnautovic, e traballan para aproveitar esas condicións.

-De quen diría que aprendiches máis nestes anos?

-Eu intento coller de todo o mundo. A xente coa que traballo, Manuel Pellegrini e José Cabello; no seu momento Enzo Maresca en Inglaterra, que creo que vai ser un adestrador top. Tamén tiven a sorte de ter mentores como Eduardo Domínguez, Luis Casais e Carlos Lago do grupo de investigación HI20, que levan moitísimos anos nisto.

-Que poderá atopar un na charla deste xoves?

-A idea é que sexa un ambiente familiar e distendido, no que falar, non tanto da parte máis técnica, e si máis ben da experiencia. E tamén interactuar coa xente e ver que curiosidades poidan ter.

-Que cre que poderán aprender de vostede os que asistan?

-Eu intento nutrirme de experiencias dos demais, e compartilas creo que pode achegar unha luz, unha idea, un camiño, algo. Tamén tratarei de explicar o que non se ve, os sacrificios que implica esta profesión.