«Estaba a desexar que me chamasen para vacinarme, é moi necesario»

m. d. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

A campaña de inmunización mantense durante a fin de semana na provincia

18 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O Sergas citou a un total de 270 persoas, do grupo de entre 60 e 65 anos de idade, este sábado no Hospital de Valdeorras para recibir a primeira dose da vacina de AstraZeneca . A maioría delas chegaban antes da hora á que se lles citou. «Había moitas ganas, estaba a desexar que me chamasen. É moi necesario», dicía o petinés José Luis Villanueva, minutos antes de recibir a vacina. «Traballo cara ao público, son director da Oficina de Emprego de Trives, e pasa moitísima xente ao día, así que canto máis protexidos esteamos, mellor. Aínda que temos uns protocolos de seguridade impresionantes», afirmaba. Da picada nin se decatou, diso encargouse a enfermeira do equipo de vacinación contra o covid Tania Álvarez, que sinalaba unha «gran participación» na que é a primeira rolda de vacinación no Barco da fin de semana. A segunda chegará hoxe pola mañá, neste caso a persoas do grupo de 70 a 75 anos. Esa boa resposta cidadá corroborábaa o persoal de admisión do hospital. «A maioría das persoas citadas están a acudir», explicaba Maricarmen Hernández. Cando alguén non se presenta, chámaselle: «No caso de hoxe estanos pasando que nos din que non recibiran a mensaxe, así que unha vez que lles avisamos, xa veñen».