1.500 persoas apuntáronse en Valdeorras ao primeiro cribado que permitía a inscrición

María Doallo Freire
maría doallo O Barco

OURENSE

Santi M. Amil

O Sergas citou a veciños do Barco e Rubiá, pero outros acudiron de forma voluntaria

18 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Tras o significativo aumento de casos de covid experimentado na comarca de Valdeorras nos últimos días, o Sergas convocou para este sábado un cribado masivo no que pretendía que participasen tres mil persoas do Barco e de Rubiá . Finalmente recolléronse 1.989 mostras, o que supuxo unha asistencia do 66 %. Os resultados coñeceranse hoxe.

Á entrada do polideportivo barquense agardaban os veciños citados aleatoriamente polo Sergas, pero tamén os que se apuntaron de xeito voluntario, porque este foi o primeiro cribado no que se permitiu aos veciños inscribirse. Un total de 1.500 persoas, de entre 18 e 64 anos, quixeron participar voluntariamente. Entre elas estaba Silvia Cruz. «Apunteime porque me parece que esta é unha forma fiable de estar convencida de que estou ben. Teño a persoas maiores ao meu cargo na familia e ademais son profesora, así que deste xeito quedo moito máis tranquila», contaba. Traballa no CEIP Otero Pedrayo de Viloira e aínda que non pasou o virus, si que tivo que estar en corentena debido ao contaxio dun alumno. «Creo que deberían facer este tipo de convocatorias cada quince días porque é moito máis seguro para todos. O saber que estás ben é unha forma de coidar dos que che rodean, sexa por traballo ou por familia», concluía.

O mesmo motivo que Silvia tiña María del Carmen Andrés, unha veciña do Barco que se apuntou voluntariamente en canto decatouse da posibilidade. «Creo que é moi importante que nos miremos e vixiémonos hoxe en día, especialmente agora tal e como están subindo os casos», dicía, xusto despois de que un dos catorce enfermeiros que se encargaron deste cribado realizáselle unha PCR. A María do Carmen era a primeira vez que lle facían unha proba desde que comezou a pandemia. «Nunca me fixeron unha. O certo é que sempre me atopei ben e non tiven ningún síntoma, pero nunca se sabe, podería ser asintomática así que por tranquilidade e tamén por colaborar con este tipo de medidas de precaución de contagios decidín apuntarme», continuaba. A barquense cre que é unha iniciativa fundamental e que «deberían pedir voluntarios e fai este tipo de probas máis a miúdo».

Agardábase que a participación neste cribado masivo fose maior que noutras convocatorias, segundo a experiencia de Ana Gómez, que exerceu de coordinadora no pavillón do Barco. «Tivemos unha mañá moi movida. Estamos convencidos de que imos acadar unha moi boa porcentaxe», dicía a metade da xornada. A enfermeira sinalaba, como razón, o feito de ter permitido inscribirse aos veciños, de entre 18 e 64 anos. «Noutras ocasións atopámonos con xente que quería facerse a proba pero non fora convocada e, polo contrario, había persoas que si estaban citadas e que non viñan. Así que se tomou a decisión de dar a oportunidade a todo mundo de que puidese anotarse e a verdade é que se está notando moitísimo», engadía.

A sanitaria ourensá non cre que o nivel de participación estea vinculado directamente ao feito de que se detectase un foco de contaxio no transporte da lousa, pero si pensa que tivo algo que ver: «É verdade que a xente traballa moito nese medio e dalgunha maneira hai moitas familias implicadas e persoas que teñen medo de ter estado con alguén contaxiado. Pero eu creo que a maioría de persoas que veñen hoxe son parte de ese pequeno porcentaxe da poboación que aínda non fora convocado antes para un cribado e que agora quere quedarse tranquilo», remataba.