A Xunta entrega cinco tendas de campaña para senllas agrupacións de Protección Civil

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

xunta

Piñor, Cualedro, O Pereiro, Toén e Ribadavia reciben o material

26 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A Xunta entregou cinco tendas de campaña para urxencias a outras tantas agrupacións de voluntarios de Protección Civil na provincia. Son os grupos dos Concellos de Piñor, Cualedro, O Pereiro de Aguiar, Toén e Ribadavia os que recibiron estas novas dotacións. Foi o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, o que fixo a entrega deste material nun acto celebrado no concello de Piñor.

Estas cinco agrupacións foron as beneficiadas con este tipo de dotación dentro da orde de axudas convocada pola Xunta para equipamentos de urxencias, cun importe total de 932.400 euros. As tendas de campaña son instalacións útiles, indica a Xunta, para os numerosos operativos que levan a cabo as agrupacións de Protección Civil ou para a súa utilización en Postos de Mando Avanzados nunha urxencia.

Dentro da última orde de axudas para material, a Xunta entregou en Galicia un total de 37 tendas de campaña, pero tamén doce remolques, oito vehículos todo terreo tipo pick-up, doce coitelas para a retirada de neve, doce esparcidores de sal e catro embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate, entre outro material.

A Xunta considera unha prioridade que as agrupacións de Protección Civil teñan o material necesario e adecuado para desempeñar as súas funcións, apuntou o delgado en Ourense, Gabriel Alén, quen recalcou o «imprescindible labor» que están realizando os voluntarios para complementar os servizos municipais durante estes tempos do covid-19.

Gastos de mantemento

A Xunta publicou recentemente, o 19 de xaneiro, unha nova orde coas subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das agrupacións de voluntarios situadas en municipios de menos de 50.000 habitantes.

A Administración autonómica mantén este ano o financiamento para esta finalidade, cun investimento total de 340.000 euros.

Estas subvencións pódense destinar a adquirir material como uniformes para os voluntarios, EPI, a cobertura de gastos realizados durante algún operativo, ao mantemento, transporte ou alugueiro da base.

A subvención, indica a Xunta nun comunicado, tamén se pode utilizar para sufragar os gastos de seguro de accidentes ou de responsabilidade civil dos membros, formación -con convocatorias da Xunta a través da Academia Galega de Seguridade Pública- opara equipamentos informáticos ou de comunicacións.