Ser ignorante

María Doallo Freire
María Doallo NON SE NADA

OURENSE

Agostiño Iglesias

21 ene 2021 . Actualizado ás 16:46 h.

Cando era adolescente xactábame de non chorar. Era certo, apenas o facía, pero cando me metía nunha sala de cine... Aínda hoxe, en todas as películas hai unha parte que irrefutablemente obrígame a sorberme os mocos. Pensaba que era emoción, co tempo descubrín que se achega máis a un acto de liberación. Porque a cultura nos permite desprendernos —ou desatar un pouco— todas aquelas aflicións que gardamos nun caixón do subconsciente. Críame forte e só era unha ignorante. Na universidade era hiperestricta. Tiña mesmo prazos estipulados de lectura, para acabar un libro e empezar o seguinte. E facía máis vida nas butacas do teatro que no salón de casa. Un día a Pulita, a miña amiga actriz que di ser xornalista, mencionou a Tennessee Williams. Estaba a ler unha das súas obras e parecía marabillada. Non o coñecía así que me empecei a rir. Puli é a miña persoa no mundo —ver Anatomía de Grey— e prevendo o que iso me podía doer, baixou o ton para dicirme: «Deberías botarlle unha ollada, é un dos mellores dramaturgos da historia». Reaccionei de xeito primario, vacilándoa un pouquiño. Ignorancia de novo. Ao intre, non tardei nin unha hora en rematar A gata sobre o tellado de zinc. Pero a cultura é descubrir e é gozar desa viaxe. A cultura non xulga e a ela nunca chegas tarde. Aos 25 regresei a Ourense. Estiven catro anos guiando visitas no Museo Municipal. Refuxio de sensibilidade e talento. Patrimonio do pobo. Rodeeime de Prego, de Seidel, de Souto, Rivada, Moreiras... e presenteillos por centos de nenos utilizando a emoción. Deixeilles berrar e achegarse aos cadros. A arte é unha conversación co máis profundo do noso ser. Pero sempre hai quen no canto de falar, golpea. Crese forte e non é máis que un ignorante.