Todos a cotizar

Luis Gulín

OURENSE

21 dic 2020 . Actualizado á 05:00 h.

Aquí nesta España bastante sadomasoquista sempre se anda coa filosofía do adestrador de fútbol Louis van Gaal, sempre negatifo, nunca positivo e comparámonos con outros lugares máis aló dos Pireneos e dos Alpes. Pois resulta que en Alemaña o goberno e o Parlamento van discutir que, ante as arcas decimadas, hai que buscar novos colectivos para cotizar obrigatoriamente á Seguridade Social para a cobranza de pensión de xubilación. Pensan en chamar a pasar por caixa aos funcionarios. Aos funcionarios alemáns non lles descontan na nómina a cota á seguridade social para cobrar a pensión no futuro? Non. E quen paga as súas pensións? Pois todo currante no sector privado e o persoal laboral no público. Outro grupo para considerar é o dos autónomos. Non cotizan como aquí obrigatoriamente cunha cota mensual, alí é voluntario ou están exentos ata os 30 anos de idade e acóllense a un plan de pensións privado, ou un seguro de vida. Pois agora meditan no goberno de Merkel que iso se acabou e imos facer como nesa España querida. E finalmente a outro grupo váiselle tocar os narices: os políticos, os cargos electos con soldo. Os deputados alemáns, ministros, alcaldes e concelleiros do seu soldo non se cotiza nada de nada para a pensión de xubilación? Non, porque teñen a consideración de equivalentes a funcionarios á hora de cobrar xubilación. Resaltar que os alcaldes alemáns de cidades dun tamaño similar ao de Vigo xubílanse forzosamente aos 67 anos, aínda que sexa durante o mandato. O día do aniversario tócalles irse para a súa casa.