O covid-19 entra en catro centros educativos de Coles, Ribadavia e a cidade de Ourense

La Voz OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

Mentres, líbranse do virus dous colexios en Maside e Vilamartín de Valdeorras

30 oct 2020 . Actualizado ás 16:18 h.

Caen en cinco o número de casos nos centros educativos da provincia de Ourense, onde este venres 30 de outubro cífrase en 126 o total de positivos, con oito aulas e un centro pechado, o Punto de Atención á Infancia (PAI) en Boborás

O coronavirus cóase esta vez en catro colexios: adscríbese un caso ao CPR Malvedo, en Coles ; outro no CEIP Manuel Luís Acuña, na cidade de Ourense, onde tamén se pechou unha aula; tamén na urbe das Burgas, o CIFP Portovello confirmou un positivo; e en Ribadavia , o CRA Amencer entra na lista de Sanidade cun contaxio polo momento.

As boas noticias chegan desde Maside e Vilamartín de Valdeorras. Tanto o CPI Terras de Maside como o CEIP Xosé Manuel Folla  Respino, cun positivo en cada un deles ata este xoves, líbranse por agora do coronavirus. Idéntica situación é a do CEIP Virxe de Covadonga, na capital provincial, con catro casos ata onte, que sae do cómputo de centros educativos afectados polo covid-19.

Mentres, caen os casos no CEIP Santa María A Real, de Entrimo , cun menos; tamén nos CPR Luis Vives e IES Xulio Prieto Nespereira, ambos en Ourense cidade, cun e dous casos menos respectivamente; e soben no CPR Guillelme Brown, no Pereiro de Aguiar, cun positivo máis.