Desgoberno en Ourense: Jácome queda con sete concellarías e reparte outras doce entre os dous edís que aínda o apoian

Miguel Ascón Belver
Miguel Ascón OURENSE

OURENSE

Armando Ojea y Gonzalo Pérez Jácome
Armando Ojea e Gonzalo Pérez Jácome Santi M. Amil

«Imos desatascar o Concello e a facer bo aquel refrán típico que di que menos é máis», di

29 sep 2020 . Actualizado ás 21:20 h.

Gonzalo Pérez Jácome pretende sacar ao Concello de Ourense da parálise na que está instalado desde a ruptura do seu pacto co PP e, hoxe en día, cun goberno formado unicamente por tres persoas. De feito, este martes o alcalde ourensán asinou un decreto no que reestrutura a xestión municipal en 19 áreas. El mesmo asume directamente sete e as doce restantes repárteas entre Armando Ojea e Telmo Ucha.

«Moita xente cre que o ideal é que fosen doce ou catorce os concelleiros que tivesen que presidir as distintas áreas do Concello de Ourense. Pero estariamos a pensar que o anterior é o correcto e non ten por que ser así. Nós témolo que cuestionar todo», dixo Jácome, que explicou que o peso técnico do día a día lévano os funcionarios: «Os políticos temos que tomar decisións e supervisar. [...] Estou totalmente convencido de que se vai facer ben con tres persoas o que antes se facía con máis».

Jácome asumirá concellarías que considera «atrancadas», nas que «non se estaba facendo ben». Destacou, neste sentido, as áreas de Urbanismo e Medio Ambiente, xestionadas respectivamente na etapa anterior polos concelleiros do PP Sonia Ogando e Jorge Pumar, así como á de Infraestruturas, que estaba en mans de Miguel Caride, portavoz dos díscolos de Democracia Ourensá. Ademais, o alcalde dirixirá directamente as concellarías de Perímetro Rural, Patrimonio, Cultura e Deportes. «Bótome unha boa parte do peso do Concello ás miñas costas», resumiu Jácome, que profesionalmente xestiona unha tenda de instrumentos musicais e unha televisión local privada.

Armando Ojea, profesor de música, seguirá levando a área de Recursos Humanos, do mesmo xeito que desde que arrincou o mandato, pero nesta nova etapa sumará competencias en Facenda, Contratación, Educación e Promoción Económica. Finalmente, Telmo Ucha -que antes de ser asesor de DO, foi xefe de zona dunha empresa de seguridade- encargarase das seguintes concellarías: Asuntos Sociais, Saúde, Participación, Mocidade, Turismo e Termalismo, Servizos Xerais, Transparencia e Sistemas de Información, Seguridade Cidadá, Comercio e Transportes e Mobilidade.

«Imos desatascar o concello e imos facer bo aquel refrán típico que di que menos é máis», concluíu Gonzalo Pérez Jácome.

A resposta dos díscolos

As declaracións do rexedor tiveron resposta por parte dos díscolos de Democracia Ourensá, que consideran «delirantes» as súas palabras. «O que trata de facer o alcalde é eludir responsabilidades directas sen asumir que é o único culpable, debido ao seu autoritarismo e aos seus caprichos que se converteron en hábitos. Todo iso levou consigo a paralización de proxectos vitais para a cidade», di o seu comunicado, que remata cualificando ironicamente a Jácome como «o novo mesías político de Ourense».