Un balón entre Laza e Wembley

OURENSE

CEDIDA

O preparador físico Pablo García xoga o ascenso co Northampton Town

29 jun 2020 . Actualizado á 05:00 h.

Pablo García Vilas (Laza, 1986) fixo da actividade física a súa profesión cando aínda estudaba INEF na Coruña. As prácticas no Dépor e unha aventura que o levou a Inglaterra convertérono en integrante do cadro técnico do Northampton Town, equipo co que mañá mesmo pisará o emblemático estadio de Wembley, en busca dun ascenso á League One, o terceiro chanzo balompédico na illa.

Esa data sinalada no calendario ten na súa base moitas horas de formación e diferentes ramificacións: «Na carreira tiven unha materia de prevención de lesións co doutor Arriaza, traumatólogo do Dépor. No último ano, chamáronnos a tres alumnos para facer prácticas como readaptadores no club coruñés e puiden traballar co Fabril e con outros equipos das categorías inferiores».

O ourensán seguiu sumando coñecementos en distintos posgraos, incluído o que realizou en Madrid con Carlos Lalín -ao que xa coñecía da súa etapa coruñesa- exercendo como director do Máster. Así tivo a oportunidade de afrontar outro ano de prácticas no club deportivista, con Tito Ramallo a cargo do Fabril e Juan Fernández como readaptador.

«Despois enviei currículos a distintos clubs españois, pero había poucas prazas para readaptadores, así que optei por unha Bolsa Leonardo e enviei solicitudes a Inglaterra a equipos de Premier, Championship, League One e League Two. Contestáronme o Coventry e o Northampton Town. Os primeiros pedíanme que me incorporase á pretemporada en Italia, pero esa viaxe non se incluía na bolsa, así que cheguei a Northampton en 2014», rememora Pablo.

García Vilas atopouse un ambiente propicio para continuar coa súa traxectoria de readaptador, posto que no seu novo club «xa tiveran a un profesional nese posto e tiñan varios lesionados cos que traballar». Tras os seis meses de bolsa, asinou un contrato e puido traballar cun técnico como Chris Wilder, que chegou á Premier: «En League Two quedamos preto dos playoff o primeiro ano, pero ao seguinte ascendemos como campións, con 99 puntos, ademais de que o noso departamento técnico foi nomeado o mellor da liga».

Wilder foi fichado polo Sheffield United, mentres que Pablo quedou sen traballo cando o novo adestrador prescindiu dos servizos dun readaptador: «Xa todos os clubs tiñan confeccionados os seus equipos de traballo e, polo menos Chris volveu contar comigo, aínda que neste caso no servizo de scouting. Veume ben, porque seguín formándome e vendo como traballaban técnicos españois no Watford ou o Arsenal». En Northampton cambiaron de adestrador en xaneiro e volveron contar co ourensán, esta vez como preparador físico».

Coincidiu co adestrador holandés Jimmy Floyd Hasselbaink, exxogador de Chelsea e Atlético de Madrid entre outros. Na actualidade segue con Keith Curle e aínda que remataron sétimos na liga regular, interrompida polo covid-19, o playoff final disputouse co seu formato habitual: «Só faltou o público, pero foi emocionante. Remontamos un 0-2 ao Cheltenham Town e disputarémoslle o ascenso en Wembley ao Exeter City. Estamos nun bo momento de forma e confiamos no noso esforzo».

«Hai xa un ano que non vou a Galicia e boto de menos a familiares e amigos»

En clave de futuro, ademais do que suceda hoxe en Wembley, Pablo García considera que está a traballar nun proxecto sólido, como é o do Northampton Town. Aínda así, puido comprobar nas súas propias carnes como llas gastan no mundo do fútbol: «Estou moi contento aquí, pero neste deporte nunca sabes o que pasará mañá. Sen ir máis lonxe, despois da nosa mellor campaña e co recoñecemento como mellor departamento específico da liga, vinme na rúa. Entón tiven claro que tiña que evolucionar cara á preparación física e agora tamén penso en explorar outras vías como a docencia, porque aquí valoran moito o meu Máster en Educación, coa especialidade de Educación Física».

Para explorar esa alternativa pode ser importante o feito de que a universidade local sexa o principal patrocinador do club, pero á fin e ao cabo, un ascenso pode marcar o futuro inmediato de toda a entidade. A nivel cotián, Pablo recoñece que «en Northampton vívese ben, é unha cidade de 200.000 habitantes entre Londres e Birmingham, non é un dos centros urbanos máis atractivos do país, pero o que chaman o countryside é bastante bonito, con casiñas de campo moi pintorescas». Iso si, a morriña tira: «Hai xa un ano que non vou a Galicia e boto de menos a familiares e amigos. Aquí en Nadal xogamos moi seguido e o do coronavirus non axudou. Polo menos, os meus pais, que están en Ourense, e o resto de coñecidos non tiveron problemas co covid-19».

Como medio de vida, García Vilas segue formándose para continuar na mesma liña. Á súa licenciatura de Ciencias do Deporte e Actividade Física engadiu distintos posgraos que o converteron nun profesional ben cualificado.