A Xunta ve «radical» a mellora para o centro de saúde coa intermodal

Rubén Nóvoa Pérez
rubén nóvoa OURENSE / LA VOZ

OURENSE

CEDIDA

Ethel Vázquez, preocupada pola falta de noticias sobre a actuación ferroviaria

28 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

As obras na execución da nova terminal de autobuses, dentro do proxecto da estación intermodal, avanzan e son imparables. Así o asegurou este luns a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, nunha comparecencia en Ourense o día previo á manifestación convocada pola plataforma Tren Digno para demandar a recuperación do plan de Norman Foster do ano 2011. A Xunta é a encargada de executar a actuación da estación de buses, xa en marcha e que se concluirá en e «uns meses», achacou as mobilizacións a Considera «moita desinformación e críticas políticas». Ethel Vázquez que detrás de todo o movemento xerado nas últimas semanas atópase o PSOE, ao que acusou de facer de «escudo» do Ministerio para «tapar a falta de inversións».

Neste sentido, a Xunta solicitou onte mesmo a convocatoria da comisión de seguimento do convenio asinado a tres bandas entre o Concello, ADIF e a Xunta. Ethel Vázquez asegurou estar «moi preocupada» ante a falta de noticias sobre o desenvolvemento das fases da obra que teñen que ver coa parte ferroviaria. «Non sabemos nada desas actuacións nin tampouco da variante de Ourense», asegurou.

Ademais de enviar esa mensaxe de preocupación, a Consellería de Infraestruturas aterrou o luns en Ourense acompañada das arquitectas que participaron na elaboración da terminal de buses, que centra gran parte das críticas da plataforma Tren Digno. Vázquez cualificou de irrealizable o proxecto do 2011 e mostrouse máis partidaria de «realidades que de maquetas». En contraprestación, situou o proxecto da terminal de buses. Defendeu que a contorna do centro de saúde da Ponte -os críticos coa actuación sinalan que o espazo sanitario quedará como rotonda da terminal de buses- mellorará de forma «radical» e que contará, entre outras cuestións, cunha barreira axardinada de entre doce e quince metros. Nesta liña, engadiu que as dársenas se situarán cara ao norte para afastarse máis do ambulatorio. «De estar en contacto cun aparcamento e coa zona de carga e descarga dun supermercado, pasará a estar a quince metros de distancia. Por que ninguén se preocupou ata agora do centro de saúde», cuestionouse a conselleira.

Outro dos puntos do proxecto que cuestionan os críticos é o do suposto impacto na fluidez do tráfico que terá a terminal de autobuses na rúa Eulogio Gómez Franqueira. «Será insignificante», indicou unha das redactoras do proxecto.

Ethel Vázquez defendeu, para rematar, que a nova terminal de autobuses quedará conectada ao mesmo nivel e a unha distancia inferior aos cen metros coa estación de tren para garantir a intermodalidade. A conselleira lembrou que durante a elaboración do proxecto tivéronse en conta algunhas melloras, como a de contar cun único punto de entrada situado ao oeste da estación.

A plataforma suma case 5.000 firmas e nega ser unha «tapadeira do PSOE»

Hoxe, martes, ás oito da tarde está convocada na praza da estación Empalme unha manifestación en sinal de protesta contra o proxecto da estación intermodal de Ourense. É unha das accións que desenvolve a plataforma Tren Digno, que nas últimas semanas ha intensificado a ofensiva contra unha actuación que consideran prexudicial para os intereses de Ourense. De forma paralela iniciaron unha recollida de firmas para demandar unha intermodal «digna» para a cidade. Sumaron case cinco mil apoios desde o inicio da campaña.

A plataforma tamén respondeu as declaracións da conselleira en Ourense, onde apuntaba a unha intencionalidade política na plataforma que promove a mobilización. «Pedimos á conselleira que se desculpe publicamente. Esta plataforma non está vinculada a ningún partido político, credo ou relixión algunha e o seu único obxecto é loitar e reivindicar unha estación digna para Ourense», explican.

O portavoz da plataforma, Jesús María Pérez Barrios, nega que o colectivo sexa unha «tapadeira ou parapeto» do PSOE na súa loita política e entende que «debe estar moi desesperada (Ethel Vázquez) ao querer utilizar a plataforma para atacar ao PSOE e tapar as súas vergoñas con esa estación indigna que pretender levar a cabo nun xogo político tramposo, perverso e con moi pouco estilo». O colectivo entende «altura política» á conselleira para negociar coa plataforma e os colectivos que a apoian para abordar o grave problema que, aseguran, xera unha «estación que ninguén quere»