Máis de 600 ximnastas daranse cita no torneo da Escola Pavillón

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

cedida

O Club Escola Pavillón organiza unha proba deportiva que ademais é solidaria

13 dic 2019 . Actualizado á 05:00 h.

A edición número trece do Torneo de Ximnasia, organizado polo Club Escola Pavillón, será unha festa deste deporte e unha das citas máis solidarias dos últimos anos.

Celebrarase mañá sábado, desde as 11.00 horas ata as 13.30 na cancha central do Pavillón de Vos Remedios. Contará con 669 ximnastas nos niveis de base e escolar, só na modalidade de trampolín. No anexo poderanse ver exhibicións de trampolín de nivel elite, entre eles os ximnastas pavillonistas que acudiron ao Mundial por idades de Tokio.

Solidariedade

Na cancha central desenvolveranse exhibicións de ximnasia en varias modalidades (rítmica, acrobática ou xeral) e será nese espazo onde se poderá ver a todas as ximnastas do Club Pavillón e a Escola Pavillón, tanto a nivel escolar, promoción, base e absoluto, incluídos exercicios de rítmica masculina, ademais de exercicios de acrobática a cargo da Escola Burgas e exhibicións doutros clubs e escolas da provincia. Ademais haberá unha exhibición de artes marciais a cargo do equipo Soywushu e outra de baile moderno de MVT Galicia.

O evento contará cun importante compoñente solidario ao darse cita varias oenegués así como a Asociación Amencer, coa Operación Quilo, e Cris contra o Cancro.