Jácome dá marcha atrás e di que estudará se o Concello deixa de vixiar ás vítimas da violencia de xénero

Cándida Andaluz Corujo
C. Andaluz OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

«Me fie da xefa da Policía Local, pero pode estar equivocada», asegura o alcalde de Ourense

17 oct 2019 . Actualizado ás 12:11 h.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá), afirmou o martes que a Policía Local de Ourense deixaría de vixiar ás mulleres vítimas de violencia machista na cidade, por falta de persoal. Sinalou, polo tanto, que abandonaría o sistema VioGén, un protocolo a nivel nacional que coordina a axuda das entidades municipais. Un día despois, o rexedor xa non o ten claro e ante as críticas sociais e políticas afirmou que o que fixo foi fiarse dun técnico municipal. En concreto, da xefa da Policía Local de Ourense, María Barreira, que afirmou que este servizo sería prestado de mellor xeito polas policías Nacional e Autonómica. «A decisión tomouse por motivos técnicos, de momento, agora ímolo a revisar», dixo. Falou de encerrona ao sinalar que non sabía que durante a reunión de seguridade cidadá celebrada o martes trataríase este tema e que el o que fixo foi fiarse dunha técnica, a quen di deben ir dirixidas as críticas. «Me fie da xefa da Policía Local, pero pode estar equivocada», afirmou. «A máxima experta recomenda que hai que facer isto e dixen: vale».

Pérez Jácome sinalou que estudará, con novos datos, como está a situación para tomar unha decisión política. «Se agora, nos próximos días, vemos que a decisión é equivocada, anularase», afirmou.