O COB atrasa a apertura da súa campaña para captar socios

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

A unha semana do inicio ligueiro, os afeccionados descoñecen os prezos dos abonos

20 sep 2019 . Actualizado ás 07:55 h.

Non é nada novo que o COB é dos últimos clubs que acostuma abrir a súa campaña de abonados, pero este ano é sin duda o máis tardío e sen explicación por parte do propio club das causas desa tardanza.

A unha semana exacta do inicio ligueiro, os afeccionados e futuros socios da entidade non saben aínda nin cando nin a que prezo poderán renovar ou adquirir os seus novos abonos, aínda que é vox populi que tras varios anos sendo os máis baratos da LEB Ouro, encareceranse, incluíndo días de club e posibles playoff de ascenso.

As redes sociais fanse eco do profundo malestar e a incomprensión por parte de socios e afeccionados, máis cando desde o club se apunta a necesidade de buscar vías de ingresos, algo que xa podería ter chegado en forma de abonos desde finais de xuño aproveitando o éxito da pasada tempada. Na categoría só o COB e Melilla son os únicos equipos que aínda non contan con socios de cara á próxima tempada.

Baixa

O equipo, pola súa banda, regresou aos adestramentos de cara á semifinal de Copa Galicia desta tarde (20.30 horas) no Pavillón da Raña, ante o Marín Peixegalego, onde non estará o base Óscar Alvarado, que sufriu un problema muscular no choque ante Leyma Coruña e que a falta de probas definitivas que descarten unha lesión de maior gravidade, traballará para intentar chegar ao debut ligueiro ante Almansa dentro dunha semana. Tampouco é segura a participación de Van Wijk, que xa non xogou na Coruña.