Momento de plasmar a fortaleza

m. rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

A UD Ourense ten a primeira cita co impetuoso Paiosaco

25 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Chega o momento da verdade. Despois das probas, dos adestramentos polos distintos campos da provincia e dun bo número de amigables, a hora da competición chega para unha UD Ourense que está a desexar verse nun escenario real cos primeiros puntos en xogo. No seu segundo ano na categoría, os rojillos séntense fortes, pero tamén saben que han de demostrar esa fortaleza sobre o campo, en cada momento de xogo e ante cada rival. Como o desta tarde, un Paiosaco que tamén superou a materia da estrea na categoría -con máis apuros que os ourensáns- aos que devolveu a moeda cunha goleada na segunda volta no seu campo.

«Avisados estamos», advirte Fernando Currás, con ese recordo do 3-0 da tempada pasada na Porta Santas, campo de herba artificial, de non excesivas dimensións e no que a afección aperta. Ademais, a pesar dos apuros, o Paiosaco rematou a tempada pasada gañando bastantes partidos, fixo un bo papel en Cópaa Federación autonómica cun empate ante o Compos, polo que estarán nunha boa dinámica, xulga Currás.

En canto aos unionistas, todos dispoñibles, salvo Rubén Arce. O equipo realizou un último adestramento matinal onte no campo de Loñoá e hoxe a expedición sairá do Couto ás 14.15 horas. «Vexo ou equipo ben», afirma o adestrador, pero está a desexar ver esas boas sensacións plasmadas no terreo de xogo e na eficacia de cara á clasificación. Por iso, a UD Ourense terá que adaptarse a un previsible ritmo de xogo alto e a sufrir, como xa sufriu o ano pasado. A cita é ás 19.00 horas, con arbitraxe de Abel Bruzos.