Xosé Carlos Valcárcel repite en Barbadás: «É necesario recuperar o sentido da responsabilidade»

La Voz OURENSE

OURENSE

C. Andaluz

O socialista repite outros catro anos e terá que gobernar en minoría

16 jun 2019 . Actualizado ás 11:34 h.

Ninguén se saíu do guion no Concello de Barbadás. O alcalde e de novo candidato a rexedor, o socialista Xosé Carlos Valcárcel, chegou ao salón de plenos coas contas feitas: nesta ocasión non quedaría máis remedio que gobernar en minoría. E así foi. Antes das votacións, o portavoz nacionalista, Serafín Núñez, explicou as razóns da abstención do BNG: «Entendemos que a cidadanía de Barbadás colócanos desta vez no outro lado, no de facer oposición e non no de compartir un goberno, como foi no 2015». O resto de partidos representados, PP, Democracia Ourensá, Compromiso por Barbadás e o PSOE, elixiron aos seus candidatos. Deste xeito, os sete votos socialistas valeron para manter a Valcárcel á fronte do Concello, aínda que nun escenario diferente ao de hai 4 anos. Tras o xuramento o rexedor afirmou: «Queremos defender un proxecto político baseado na recuperación do perdido arte da palabra comprometida, empeñada, da ética da acción política, consistente en que a base da relación entre a cidadanía e os políticos radica na confianza mutua. Hai que facer o que se di e dicir o que se fai», dixo. Agradeceu o apoio desde o 2015 de BNG, DO e Compromiso por Barbadás: «Quero asumir o novo mandato para dar continuidade o proxecto iniciado hai catro anos da man do BNG e que contou na investidura co apoio de Compromiso por Barbadás e Democracia Ourensana. Contribuíron con coherencia e con honestidade». Xosé Carlos Valcárcel dixo que é necesario recuperar «o sentido da responsabilidade, de tomar decisións dende a coherencia pero sen esquecer que hai que facelo dende o corazón».