0003_201902O11C8991

«A palabra domingo aquí non existe»

mar gil OURENSE / LA VOZ

OURENSE

cedida

O informático ourensán Álvaro Limia Rodríguez vive en Sofía onde dá soporte a usuarios en Latinoamérica dun xogo gratuíto de computador

11 feb 2019 . Actualizado ás 13:07 h.

Despois de varios meses de procura infrutuosa de traballo, o informático ourensán Álvaro Limia Rodríguez decidiu, a uns meses de cumprir 27 anos, probar sorte nun universo tan aparentemente distante como o búlgaro.

A amizade e a fortuna foron determinantes: «A decisión chegou en abril de 2016, cando me xurdiu esta oportunidade grazas á inestimable axuda dun amigo aínda que, sin duda, a sorte tivo moitísimo que ver». Foise de Galicia cun grao superior de Administración de redes e sistemas informáticos e un máster en programación de aplicacións para dispositivos móbiles. En Sofía, a capital de Bulgaria, atopou oco nunha empresa dando soporte a usuarios en Latinoamérica dun xogo gratuíto de computador: «O termo real para a miña profesión sería axente de soporte, pero na miña posición actual creo que técnico sería o máis apropiado».

O bo ambiente entre compañeiros e a flexibilidade horaria fan que, a pesar das dificultades, que as hai, Álvaro siga contento en Sofía: «No meu traballo teño a enorme sorte de contar cunha gran cantidade de españois, uns 30, entre os que se atopan bastantes galegos, aínda que son o único de Ourense».

  «A verdade -abunda- é que non teño ningún problema co meu ritmo de vida actual; conto con flexibilidade, tanto en horario como nos días traballados. ¡O concepto de luns a venres é algo que desapareceu para min desde que estou aquí! Grazas a iso podo organizarme como máis me beneficia para facer plans cos amigos ou para que coincida librar o día no que hai un evento ao que quero asistir». Nesa liña enmárcase unha das caras positivas que máis valora Álvaro da súa nova cidade: «O que máis me gusta de Sofía é que non importa o día que saias: sempre está todo aberto. A palabra domingo aquí non existe, ata os bancos abren, o cal facilita moito para facer recados ou xestións».

Postos a valorar, trasládase ao polo oposto sen demasiadas dúbidas: «O que máis detesto é a organización dos servizos públicos da cidade; explícome: cando neva, exceptuando as rúas turísticas e estradas principais, non se limpa a neve e, cando se converte en xeo, é un xogo de malabarismo. Ademais diso, as mandas de cans salvaxes son unha realidade aquí, chegando a atoparche con, literalmente, un grupo de 15 cans, que poden ser tanto dóciles como agresivos, o cal é un problema».

A importancia de viaxar

Camiño dos tres anos en Sofía, Álvaro Limia Rodríguez sente a ambivalencia do expatriado: «Síntome emigrante e privilexiado, a verdade. Privilexiado porque non todos contan coa oportunidade que eu tiven e a sorte, ademais, de ter tan bos compañeiros, pero tamén me sinto un emigrante; cada día, a diferenza de idioma lémbramo. A pesar de que me defendo en búlgaro, non teño nivel para manter unha conversación; podo entender máis ou menos ben e comunicarme dun xeito básico, pero para situacións de comunicación complexa como, por exemplo, no médico, vólvese bastante complicado. ¡Sorte temos da época na que estamos, que co móbil podes traducir dun xeito rápido!»

   Coa mirada máis aló de Bulgaria, Álvaro Limia Rodríguez admite que non lle importaría «seguir viaxando uns anos máis explorando outros países, pero o meu obxectivo sempre é volver, de non poder ser a Galicia, a unha cidade española».